A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, efectivizou esta mañá, nun acto oficial, a toma de posesión dos novos mandos que accederon á praza na primeira promoción que se convoca en 20 anos.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaba esta mañá a toma de posesión de catro cabos do Parque Municipal de Bombeiros.
Os novos mandos, Eduardo López, Pablo Yanes, Óscar Freire e Francisco Otero, xuraban hoxe o seu cargo nun acto oficial no que tamén estivo presente o Sarxento do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento, Miguel López Palacios.
Trátase da primeira promoción que se realiza no Corpo dende hai dúas décadas e á que os catro efectivos, empregados municipais con 19 anos de experiencia, accederon logo da celebración dun concurso de méritos convocado polo Concello para a provisión de varios postos de traballo.
A alcaldesa aproveitou para felicitalos e ademais de trasladarlles os seus parabens agradeceulles o labor realizado ata a data, poñendo como exemplo o esforzo e a implicación amosada diariamente no seu cometido, “que abrangue múltiples tarefas, todas elas de gran importancia como o auxilio á cidadanía pero tamén intervencións tan heroicas como a que leváchedes a cabo o pasado mes de abril para controlar o lume que afectou ao Polígono do Ceao e que grazas á vosa profesionalidade se puido atallar con éxito”.
Antes de finalizar, Lara Méndez subliñou tamén a “importancia de avanzar na cobertura dos postos de maior xerarquía para dotar ao Corpo dunha estrutura ben fornecida que optimizará a organización das quendas de traballo e contribuirá, así, a mellorar a seguridade da veciñanza”, indicou.