Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Parque de Bombeiros de Lugo conta, dende hoxe, con catro novos cabos que fornecerán a estrutura xerárquica do Corpo

O Parque de Bombeiros de Lugo conta, dende hoxe, con catro novos cabos que fornecerán a estrutura xerárquica do Corpo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, efectivizou esta mañá, nun acto oficial, a toma de posesión dos novos mandos que accederon á praza na primeira promoción que se convoca en 20 anos.

  • Tema
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Recursos humanos,
    • Emprego público,
    • Servizos xerais
Mércores, 28 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Parque de Bombeiros de Lugo conta, dende hoxe, con catro novos cabos que fornecerán a estrutura xerárquica do Corpo

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaba esta mañá a toma de posesión de catro cabos do Parque Municipal de Bombeiros.

Os novos mandos, Eduardo López, Pablo Yanes, Óscar Freire e Francisco Otero, xuraban hoxe o seu cargo nun acto oficial no que tamén estivo presente o Sarxento do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento, Miguel López Palacios.

Trátase da primeira promoción que se realiza no Corpo dende hai dúas décadas e á que os catro efectivos, empregados municipais con 19 anos de experiencia, accederon logo da celebración dun concurso de méritos convocado polo Concello para a provisión de varios postos de traballo.

A alcaldesa aproveitou para felicitalos e ademais de trasladarlles os seus parabens agradeceulles o labor realizado ata a data, poñendo como exemplo o esforzo e a implicación amosada diariamente no seu cometido, “que abrangue múltiples tarefas, todas elas de gran importancia como o auxilio á cidadanía pero tamén intervencións tan heroicas como a que leváchedes a cabo o pasado mes de abril para controlar o lume que afectou ao Polígono do Ceao e que grazas á vosa profesionalidade se puido atallar con éxito”.

Antes de finalizar, Lara Méndez subliñou tamén a “importancia de avanzar na cobertura dos postos de maior xerarquía para dotar ao Corpo dunha estrutura ben fornecida que optimizará a organización das quendas de traballo e contribuirá, así, a mellorar a seguridade da veciñanza”, indicou.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-parque-de-bombeiros-de-lugo-conta-dende-hoxe-con-catro-novos-cabos-que-forneceran-estrutura