O obradoiro gratuíto sobre ciberseguridade comeza a formación, ata o mes de outubro, no Edificio de Novas Tecnoloxías

Este taller forma a preto de 20 mozos e mozas no eido das redes e os sistemas a través de clases presenciais ao longo de cinco meses. O obxectivo é introducir as persoas participantes nas competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas entre as empresas

Martes, 29 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O obradoiro gratuíto sobre ciberseguridade comeza a formación, ata o mes de outubro, no Edificio de Novas Tecnoloxías

O curso formativo sobre ciberseguridade, posto en marcha por Concello e Fundación Telefónica, iniciouse esta mañá, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías. Preto de 20 alumnos e alumnas recibirán, dende este martes, formación gratuíta ao longo de cinco meses co fin de orientar a súa carreira laboral de cara ao sector da ciberseguridade.  

Este obradoiro presencial desenvólvese ata o mes de outubro en horario de 09:00 horas a 15.00 horas e no cal, os mozos e mozas participantes adquiren coñecementos e habilidades sobre redes e sistemas, ataques a infraestruturas e hacking ético. O obxectivo é que as persoas asistentes se introduzan nas competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual.

Trátase dun itinerario formativo nexo de unión entre a demanda real das empresas e o sistema educativo que inclúe a aprendizaxe de conceptos básicos sobre ciberseguridade, a programación dunha forma segura, técnicas de protección e ataques para infraestruturas e contramedidas, entre outros. Co fin de completar a aprendizaxe presencial todas as persoas participantes teñen acceso a un entorno de formación online na que se inclúen diferentes recursos como complemento do visto na aula.

Para esta acción formativa aínda quedan prazas polo que, os rapaces e rapazas interesados en participar poden formalizar a súa inscrición no enderezo web www.fundaciontelefonica.com.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010.

Noticias relacionadas