A Xunta de Goberno aprobará mañá a súa adxudicación a Socamex por un importe anual de 57.194’32 euros
O edil Álvaro Santos destaca que o novo prego mellorará notablemente a eficiencia do servizo
- Tema

As fontes ornamentais da cidade disporán, en breve, dun intensivo plan de coidados e dun mantemento individualizado, dacordo as esixencias e características de cada unha delas.
Esta é unha das melloras que inclúe o contrato para o servizo de limpeza, reparación e conservación destes elementos do mobiliario urbano e que mañá será adxudicado en Xunta de Goberno á empresa Socamex.
“A concesionaria fará unha clasificación e descrición das oito fontes ornamentais que temos no concello – a da Medusa, na Avenida de Garabolos; a Cibernética, na Fonte dos Ranchos; a dos Leóns, na praza de Avilés; a Fonte do Rei na Praza do mesmo nome, a de Augas Férreas; a das Rás, nos xardíns de García Morato, a da Praza do Campo e a da Pinguela, na Rinconada do Miño – segundo sexan Especiais, Monumentais ou Cibernéticas, para así individualizar as tarefas de aseo dos vasos e de conservación dos elementos electromecánicos que conteñen, así como da Obra Civil”, indicou Álvaro Santos.
“Ademais, esta compañía comprometeuse a presentar, no prazo dun mes, un informe cun inventario exhaustivo e cunha planificación anual dos traballos que precisa cada instalación xunto a unha ficha personalizada na que figuren as características das mesmas e dos equipos que as integran. Unha definición moi completa que estará dispoñible en varias App’s informáticas xunto coas súas localizacións xeográficas, esquemas eléctricos, hidráulicos e o histórico do seu mantemento”, explicaba o concelleiro de Medio Ambiente.
O edil responsable de área trasladaba que un dos principais obxectivos que recollían os pregos é o de “dar cumprimento a todos os traballos de limpeza, pintura, tratamento e control da calidade da auga mantendo as máximas garantías sanitarias pero tamén dende a eficiencia. Para o que se plantexou o establecemento dun plan de explotación con rutas diarias co fin de efectuar os labores cotiás e semanais empregando o menor tempo de percorrido posible. Do mesmo xeito, a frecuencia das inspeccións e verificacións son outra parte fundamental das bases de cara a tratar de previr avarías e de planificar as correccións e cambios precisos que estean motivados pola celebración de festas ou eventos sociais - subliñou Santos Ramos – de maneira que o noso patrimonio estea ben coidado e protexido pero tamén poida ser desfrutado pola cidadanía”.
O segundo tenente de alcaldesa apuntaba que a licitación, cun custo anual de 57.194’32 euros (IVE incluido), terá unha duración de catro anos, prorrogable por un exercicio máis.
Audio
- Álvaro Santos, sobre o contrato de fontes ornamentais | Descargar mp3