O Goberno vólcase na mellora das instalacións educativas

A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación da obra de pintado de aulas e instalacións dos centros. O orzamento de licitación destas tarefas é de 103.200 euros e o prazo de execución, nove semanas

Dentro do esforzo para mellorar os centros escolares, hoxe o Concello comezou os labores de limpeza e acondicionamento dos areeiros das zonas de xogos infantís, unhas tarefas cun orzamento duns 4.000 euros

Mércores, 11 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O  Goberno de Lugo aposta pola calidade da educación pública e levará a cabo traballos de acondicionamento en distintos colexios e escolas infantís da cidade. A Xunta de Goberno deste mércores deu luz verde á contratación da obra de pintado de aulas e instalacións de centros educativos, dado que o Concello detectou diversas zonas coa pintura deteriorada. Así o explicou a Vicevoceira Municipal, Carmen Basadre, quen adiantou que o orzamento de licitación destas tarefas é de 103.200 euros e o prazo de execución, nove semanas.

Os traballos executaranse nos colexios Menéndez Pelayo, As Mercedes, Illa Verde, Quiroga Ballesteros, Paradai, A Ponte, Anexa, Casás, As Gándaras, Sagrado Corazón, Manuel Mallo Mallo e Fingoi 2; así como nas escolas municipais infantís María Wonenburguer e Luis Soto Menor e a pista infantil de tráfico.

O pintado levarase a cabo tanto en zonas interiores como exteriores. Acometerase un lavado previo, reparación das fendas e raxaduras; así como o recheo con morteiro en zonas desconchadas. En interior aplicaranse dúas capas de acabado de pintura plástica, de cor semellante á existentes, antimoho e lavable; e no exterior, dúas capas de pintura acrílica.

O prazo de presentación de ofertas será de 20 días naturais dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello, aloxado na Plataforma de contratación do sector público.

Outras melloras

Dentro do esforzo para mellorar os centros escolares, hoxe o Concello comezou os labores de limpeza e acondicionamento dos areeiros das zonas de xogos infantís, unhas tarefas cun orzamento duns 4.000 euros. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as instalacións educativas | Descargar mp3

Noticias relacionadas