O Goberno ultima os trámites para dispoñer dos terreos necesarios para construír o ascensor do Sagrado Corazón

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a segregación dunha parcela en tres para que Abanca poida ceder agora ao Concello a correspondente á escalinata, tras o que poderán licitarse as obras, dotadas con 250.000€ nos Orzamentos deste ano

A Mesa de Contratación ratificou a Mercasa como adxudicataria do contrato de redacción do proxecto de remodelación da Praza de Abastos tras volver a valorar as ofertas, incluíndo á empresa excluída no anterior proceso de licitación, en cumprimento dunha sentencia do TSXG

Mércores, 28 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

 Goberno de Lugo ultima os trámites urbanísticos preceptivos para poder dispoñer dos terreos necesarios para construír o ascensor do Sagrado Corazón. Segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, a Xunta de Goberno aprobou este mércores a segregación –licenza de parcelamento- dunha parcela do polígono do Sagrado Corazón en tres para que agora a Abanca ceda ao Concello a correspondente á escalinata, tras o que poderá licitar de inmediato as obras do ascensor, en canto estean aprobados de maneira definitiva os Orzamentos, cunha previsión económica de 250.000€ para esta actuación.

Fernández subliñou que o Executivo avanza  deste xeito no cumprimento “dunha vella reivindicación veciñal” que mellorará a accesibilidade do barrio do Sagrado Corazón, e cuxa execución tivo contratempos, pois primeiro a adxudicataria das obras renunciou ao contrato, e logo o Concello non puido volvelas a sacar a licitación, como era o seu obxectivo, debido a unha incongruencia detectada sobre a titularidade dos terreos entre o Catastro e o Rexistro da Propiedade. O Goberno fixo as xestións pertinentes para resolver esta incoherencia a través do trámite urbanístico que hoxe se aprobou na Xunta de Goberno, e para o que, previamente, foi necesario que Abanca cedera ao Concello parte da beirarrúa situada na parte superior da parcela.

Praza de Abastos

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou conservar o acto administrativo de adxudicación do contrato de redacción do proxecto das obras de remodelación da Praza de Abastos, xa que a Mesa de Contratación resolveu ratificar a Mercasa como adxudicataria do mesmo despois de volver a valorar as ofertas, incluíndo a da empresa incluída no anterior proceso –Abadeus Arquitectura-, en cumprimento dunha sentencia do TSXG.

Polo tanto, a execución desta resolución xudicial que obrigaba a anular a exclusión de Abadeus do proceso de licitación e volver a valorar as ofertas presentadas, un total de tres, non ten ningún efecto práctico, pois a adxudicataria, segundo os técnicos municipais, resulta ser a mesma –Mercasa- en tanto que as outras dúas non cumpren coa puntuación mínima na proposta técnica –de 30 puntos-, segundo a cláusula 12 do prego de cláusulas administrativas que regularon esta contratación. Esta resolución da Xunta de Goberno será remitida ao TSXG, pois emana dunha resolución xudicial deste tribunal.

Outro dos asuntos tratados este mércores na Xunta de Goberno foi a delegación de competencias no Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, para a resolución de todos os actos de trámite e resolutivos en relación co contrato do servizo de mantemento, mellora e conservación das zonas verdes públicas e arboredo viario do municipio co fin de axilizar os trámites do proceso de licitación.

Así mesmo, acordouse a contratación por un período dun ano dun servizo de colaboración co Concello para a asistencia xurídica e representación e defensa en xuízo por importe de 58.200€.

Noticias relacionadas