O Goberno trasládalle á Xunta que xa conta cos 10.000 m2 necesarios para construír un novo colexio no Sagrado Corazón

Daniel Piñeiro deu conta deste asunto nos propios terreos e pediulle á Xunta que inicie de xeito urxente estas obras 

Venres, 29 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno trasládalle á Xunta que xa conta cos 10.000 m2 necesarios para construír un novo colexio no Sagrado Corazón

O Goberno Municipal de Lugo comunicoulle hoxe á Xunta de Galicia que xa ten á súa disposición os 10.046 metros cadrados de terreos necesarios para a construcción dun novo colexio de educación infantil e primaria no Sagrado Corazón, “unha necesidade do barrio tan demandada polos veciños e veciñas”, tal e como afirmou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen se achegou esta mañá ata os propios terreos para dar conta deste asunto.

“No Concello de Lugo fomos máis aló e en lugar de colaborar coa Xunta fixemos nós todo o traballo de conseguir os terreos, o que demostra o noso firme compromiso cos veciños desta zona e con este colexio, compromiso que tamén lle pedimos á Xunta para executar esta dotación que piden os veciños do barrio”, subliñou o Concellerio.

Despois de chegar a un acordo cos propietarios e de que a Alcaldesa, Lara Méndez, asinara os respectivos 7 acordos urbanísticos de cesión de 8.777 metros cadrados e tras aprobar a expropiación dos 1.269 metros cadrados restantes, “hoxe podemos dicir que é un un día moi importante para os pais e nais da zona sureste, unha zona de crecemento da cidade que non pode permitirse o luxo de perder un colexio, que ven un pouquiño máis preto como os seus fillos e fillas non se van ter que desprazar para ir a clase”, aseverou o edil, quen aproveitou para lembrar que nunha visita a Lugo, o pasado mes de xuño, o presidente da Xunta de Galicia anunciou que estaba diposto a facer un novo colexio no Sagrado Corazón, existindo nos orzamentos unha partida para ditas instalacións educativas, pero que faltaban os terreos. Así, hoxe mesmo a Xunta xa ten os soares á súa disposición, “polo que agardamos que inicien de xeito urxente as obras”, concluíu Piñeiro. 

Noticias relacionadas