A alcaldesa sinala que, aínda que habilitada para poucos días, a colocación desta pasarela supón poñer en marcha unha das medidas alternativas á zona de baño.
A rexedora agarda que “a Xunta tome nota dos atrasos derivados das esixencias deste ano, para que nun futuro haxa un maior compromiso de colaboración e axilidade”.
Alvarellos insiste en que o seu Executivo seguirá a traballar para a creación da praia fluvial porque “os impedimentos non poden frear as reivindicacións das e dos lucenses”.
Varios operarios de distintos servizos municipais do Concello de Lugo remataron hoxe a instalación da rampla de acceso ao Miño, na zona da Tolda, que estaba pendente da colocación da varanda, para garantir a seguridade das e dos usuarios na entrada e saída ao río. A pasarela estará aberta ao público desde mañá, unha vez concluíron os traballos do sistema de seguridade, é dicir a estrutura con puntais, unidos por corda náutica de nylon marítimo, para que non lles afecta a corrosión e a humidade.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sinalou que “a colocación desta pasarela supón poñer en marcha unha das medidas alternativas á zona de baño, e aínda que sexa para uns poucos días, agardo que a Xunta de Galicia tome nota dos atrasos deste ano derivados das continuas esixencias, para que nun futuro haxa un maior compromiso de colaboración e axilidade”. Ademais, a rexedora municipal explicou que “desde o Executivo seguiremos a traballar para a creación da zona de baño estable ou praia fluvial porque os impedimentos non poden frear as reivindicacións das e dos lucenses”.
A instalación desta rampla, lembrou a alcaldesa, “supuxo distintas prospeccións para a comprobación da existencia de mexillóns; o seu posterior traslado en varias xornadas dos exemplares atopados a zonas adecuadas e previamente estudiadas; e o balizamento doutros espazos próximos á pasarela nos que se detectaron colonias destes moluscos. Fíxose todo de acordo ás esixencias medio ambientais e cumprindo todos os requirimentos, aínda que pensamos que outros anos todos estes trámites e permisos poderían facerse máis rápido sen poñer en risco as garantías do proceso”.
A zona na que se instalou a rampla de acceso ao Miño conta con vestiarios, aseos, parque infantil, hamacas, mobiliario urbano e servicio de socorristas, en horario de 12.00 a 20.00 horas, todos os días da semana.

