O Goberno local leva xestionado case 36 millóns de euros de investimento no casco histórico dende que é Alcalde José López Orozco

Luns, 12 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, fixo balanzo hoxe dos investimentos feitos no casco histórico da cidade durante os seus mandatos. O importe total destes investimentos, xestionados polo Goberno local dende que é Alcalde da cidade José López Orozco, aproximase a 36 millóns de euros en proxectos que inclúen 48 obras de urbanización, alumeado público e ornamentación, obras de rehabilitación de edificios e musealización e o Plan Urban, entre outros.

Estes investimentos fixéronse con fondos do Concello e con achegas que xestionou López Orozco tanto da Unión Europea e doutras administracións, mesmo da Xunta de Galicia presidida por Fraga.

O Alcalde declarou en rolda de prensa que con este datos “desmóntanse as falacias que en repetidas ocasións escoitamos, mesmo no Pleno municipal, e vemos nos panfletos que distribúe o Partido Popular”. Así, López Orozco preguntouse “onde están os investimentos do PP e como pode afirmar Jaime Castiñeira que eles cambiaron o centro histórico se, por exemplo, na praza do Campo estivo máis de 11 anos apuntalada a casa que nos compramos e hoxe é o Centro de Interpretación da Muralla?”.

O Alcalde tamén sinalou que o anterior rexedor municipal “asinou un convenio coa Xunta por importe de 900 millóns das antigas pesetas para a rehabilitación do centro histórica fronte ós 2.500 millóns de pesetas que nós conseguimos da Xunta de Fraga”. A maiores sinalou que “o Goberno do PP logrou 0 euros do Plan Urban e nós 13,5 millóns de euros”. E indicou tamén que “tivemos que poñer 540.000 euros para arranxar o que eles deixaron estragado”.

Con estes datos, López Orozco considera demostrado “o esforzo económico no casco histórico, que redunda en beneficio de toda a cidade” do seu Goberno. Esforzo que se traduce, dixo o Alcalde, “no constante aumento de poboación que se está a rexistrar no centro da cidade”, que pasou de ter 2.634 habitantes no ano 2001 a 3.065 no 2010.

Estación intermodal

Na mesma rolda de prensa, o Alcalde destacou os esforzo que asume o Ministerio de Fomento para lograr que Lugo teña unha Estación intermodal, que permitirá ós viaxeiros acceder no mesmo lugar ó ferrocarril e ós autobuses, ademais de darlle un pulo ó barrio da Estación. Explicou que Fomento “fixo a estación de mercadorías, fai a estación do AVE e é unha marabilla que haxa políticos que planifican o futuro” o que permitirá que a cidade teña as infraestruturas necesarias para a chegada do AVE.

López Orozco indicou que “a Estación de autobuses non a ten que facer o Ministerio de Fomento, para que temos senón a Autonomía” e pediulles ós políticos do PP “que non pidan que fagan todo o demais”. De feito engadiu, no acordo acadado “corresponsabilizámonos a Xunta e o Concello e optamos por facer o que todas as cidades españolas e europeas”.

 

Multimedia

Noticias relacionadas