O Goberno local centraliza no Uxío Novoneyra a nova Oficina de Intermediación do Voluntariado, que servirá de ponte entre a cidadanía e as distintas asociacións da rede

A responsable da concellería de Benestar Social, Olga López Racamonde, informou sobre o sistema deseñado para implementar funcionalidades incluidas no servizo como a axuda á captación ou á formación.

O obxectivo desta iniciativa, acordada coa Red de Voluntariado Lucense, é dinamizar a acción social e reforzar o traballo dos colectivos a nivel local.

Sábado, 06 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local centraliza no Uxío Novoneyra a nova Oficina de Intermediación do Voluntariado, que servirá de ponte entre a cidadanía e as distintas asociacións da rede

Desde agora, calquera persoa que queira prestar a súa axuda como voluntaria pódese dirixir ao centro de convivencia Uxío Novoneyra, onde está constituída a nova Oficina Municipal de Intermediación do Voluntariado, un órgano que actuará de intermediario entre as persoas interesadas en prestar esta colaboración e os distintos colectivos que operan en Lugo. Desde este centro se realizará unha primeira valoración de idoneidad do perfil, derivando a cada voluntario ou voluntaria á asociación que máis convenga polas súas condicións e posibilidades de colaboración. Así o explica a responsable da concellería de Benestar Social, Olga López Racamonde, quen sinala que "a entrada en funcionamento desta nova Oficina Municipal de Intermediación do Voluntariado chega trala reunión mantida co tecido social da cidade para avanzar no funcionamento deste novo órgano, e tralo pactado con estes colectivos que integram a Rede de Voluntariado Lucense".

O obxectivo do Executivo de Paula Alvarellos coa posta en marcha desta oficina non é outro que dinamizar a acción social e reforzar o traballo dos colectivos a nivel local. “Insistimos en que é prioritario prestar un soporte integral ao tecido asociativo lucense. As nosas entidades están a realizar un gran labor para toda a veciñanza e, de forma a particular, para os colectivos máis vulnerables".

Lugo ten a gran sorte de contar con moitas persoas interesadas en prestar esta axuda de forma desinteresada. Pero Lopez Racamonde insiste en que tamén "precisamos canalizar todo ese capital humano que atesoura Lugo e que está disposto a contribuír aportando a súa dedicación e o seu tempo na medida das súas posibilidades. A acción voluntaria toma cada día maior presenza na nosa sociedade con base ao crecemento da conciencia solidaria da cidadanía”, sinalou a concelleira.

O Executivo de Paula Alvarellos informou ás entidades sociais sobre o sistema deseñado polo persoal técnico municipal para implementar funcionalidades incluidas neste sevizo como a axuda á captación, á formación ou a propia coordinación, aspectos claves no seu funcionamento que pemitirán establecer liñas estratéxicas comúns. “Así, por medio desta ferramenta, entre outros moitos aspectos, desde o Goberno local facilitaremos a xestión de espazos municipais e recursos técnicos para desenvolver actividades de formación e deste xeito poder cubrir as necesidades que neste sentido poidan ter os colectivos, xa que este aspecto é un requisito obrigatorio para toda persoa que vaia a comezar unha acción voluntaria”, indicou a edil.

O pincipal obxectivo desta nova ferramenta é que permitirá á Administración local poñer en contacto ás persoas interesadas en realizar un voluntariado concreto coas asociacións que levan a cabo ese labor asistencial. Pero este non é o único fin, xa que a través da Oficina Municipal de Intermediación do Voluntariado, o Concello de Lugo asume, dentro do seu ámbito de competencias, funcións de sensibilización e información, asesoramento, formación, coordinación e impulso e promoción do voluntariado. “Deste xeito, fomentaremos a participación e permitiremos que moita xente se decida a contribuír nun momento no que é moi necesario reforzar ás asociacións no seu traballo en eidos de gran valor estratéxico para nós como son o educativo, o asistencial ou a integración social”, concluíu López Racamonde.

Para canalizar adecuadamente a demanda de voluntariado no municipio de Lugo, tanto dende o ámbito da cidadanía como do tecido asociativo lugués, tamén se porá en marcha, por unha banda, un libro-rexistro de persoas voluntarias, no que quedará constancia das cidadás e cidadáns que desexan participar no programa de intermediación da acción voluntaria. Nel constarán os datos básicos de identificación, así como os relativos ás áreas de interese da persoa voluntaria e a súa dispoñibilidade.

Por outra banda, haberá un Libro-Rexistro de entidades de acción voluntaria, no que rexistrar ás entidades que desexan contar coa colaboración de persoas voluntarias no desenvolvemento dos seus propios programas de acción voluntaria. Nel constarán os datos básicos de identificación, así como os relativos ás áreas de actuación e aos programas que desenvolve cada unha das asociacións ou colectivos.

Para a edil de Benestar Social "este novo órgano vai permitir canalizar moito mellor as axudas das persoas voluntarias, axudando ao gran labor que xa realizan estes colectivos, cunha mellor coordinación dos recursos e dos servizos municipais".

Audio

  • A concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde, sobre o Voluntariado | Descargar mp3

Noticias relacionadas