O Goberno de Lara Méndez retoma as tarefas de acondicionamento das zonas verdes para que estean a punto nas saídas dos nenos

O servizo realizaba ata agora só labores de mantemento por quendas, pero o xoves activouse a totalidade do mesmo para que os parques recuperen o seu aspecto habitual

Medio Ambiente lembra tamén que se mantén ao cen por cento o dispositivo especial de desinfección da cidade, que está operativo desde o primeiro día do estado de alerta

O concelleiro Álvaro Santos apela á responsabilidade dos pais e nais nesta nova etapa e lembra que os parques infantís e os biosaudables se mantén pechados por orde estatal

Sábado, 25 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez retoma as tarefas de acondicionamento das zonas verdes para que estean a punto nas saídas dos nenos

O Goberno de Lara Méndez, a través da área de Medio Ambiente que dirixe Álvaro Santos, leva desde o xoves traballando nos labores de acondicionamento dos case 900.000 metros cadrados de espazos verde municipais para que estean a punto para as saídas controladas polas familias dos nenos e nenas de ata 14 anos.

Así mesmo, mantense activo ao cen por cento o dispositivo especial de desinfección da cidade, que está operativo desde o primeiro día do estado de alerta, e que inclúen todas as rúas, prazas, mobiliario urbano, paradas de transporte público, baños públicos, colectores, varandas e ascensores, entre outros elementos.

Santos explicou que a totalidade do servizo encargado dos parques e xardíns, cifra que ronda os 40 empregados, traballa co fin de recuperar o aspecto habitual destas zonas antes do confinamento. O labor que están a desenvolver, xa a pleno rendemento, son traballos esenciais e os máis urxentes: segar, labores de poda e acondicionamento de zonas verdes. Actuacións para que o concello luza mellor, coa intención de que estea listo primeiro para os máis cativos e logo para o resto de  lucenses cando chegue o ansiado desconfinamento.

A área de Medio Ambiente optou por incorporar á totalidade da plantilla porque as circunstancias permiten facelo con seguridade. O edil lembra que, dende que se decretou o estado de alerta, os operarios deste servizo realizaban só labores de mantemento a través de quendas, pero dende o xoves o seu traballo será de maneira presencial e na súa totalidade. “Temos que incidir que o persoal ten toda a formación e información necesaria para levar a cabo a xornada da maneira máis segura e seguirán utilizando o equipo de protección individual adecuado”, declarou Álvaro Santos.

Santos lembrou que os parques infantís e os biosaudables seguirán pechados xa que a norma estatal prohibe o seu uso e apelou, unha vez máis, á responsabilidade dos pais nesta nova etapa, que “xa están a ter un comportamento exemplar”, e insistiu en que manteñan as medidas de precaución antes, durante e despois dos paseos dunha hora, seguindo todos os rituais de desinfección.

A partir deste domingo, 26 de abril, as nenas e menos de Lugo de ata 14 anos poderán saír a dar paseos e a xogar na rúa unha vez ao día, durante unha hora, nun entorno dun quilómetro como máximo nas proximidades do domicilio.

Audio

  • O edil da área de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre as zonas verdes | Descargar mp3

Noticias relacionadas