Decretouse o seu cambio de uso temporal por se fose necesario utilizalo co fin de darlle maior cobertura ás necesidades de pernoita dos colectivos vulnerables.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou esta mañá un decreto para cambiarlle o uso, de xeito temporal, ao pavillón municipal de Deportes, sito na rúa Santiago, por se é necesario habilitalo para acoller ás persoas sen teito que non teñan espazo no Fogar do Transeúnte. O obxectivo é garantir as demandas sociais e non deixar a ninguén que o necesite na rúa.
O Goberno local, a través concellaría de Benestar, Inclusión e Maiores, traballa para cubrir todas as necesidades co obxectivo frear o nivel de contaxio do coronavirus, en especial entre os colectivos máis vulnerables que non teñan onde pernoitar.
A concellería traballa en contacto tamén coa Cruz Vermella, entidade que xa amosou a súa vontade de colaborar no que sexa preciso.
Esta medida súmase aos reforzos que se aplicaron ao Fogar do Transeúnte, que permanecerá aberto as 24 horas e que ampliará tamén as quendas para dar de xantar ás persoas que o necesiten.
“Tratamos de satisfacer as necesidades materiais e de convivencia daquelas persoas que se enfrontan ás medidas de illamento decretadas e que teñen menos recursos para superar esta situación de risco”, sostivo a concelleira de Benestar, Olga López. “Paliar estas necesidades esixe adoptar medidas excepcionais”, aseverou.