O Goberno axiliza ao máximo os trámites para instalar a rede de biomasa nas instalacións de Frigsa

Logo de que o INEGA lle comunicase que ampliará o prazo máximo para acometer a obra ata finais de novembro, o Executivo convocou unha Xunta de Goberno o vindeiro luns para delegar no Concelleiro de Desenvolvemento Sostible a tramitación do proxecto, o que acurta os tempos

A pesar de que as axudas foron convocadas no 2016, Piñeiro lembrou que o Concello recibiu do INEGA aínda o pasado febreiro a certificación da subvención e non dispuxo de orzamento para as obras ata este mes de setembro, tras aprobarse as modificacións de crédito

Venres, 29 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobará o vindeiro luns nunha sesión extraordinaria a delegación no Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, das competencias para a resolución de todos os actos de trámite e resolutivos necesarios para a contratación das obras de instalación dunha rede de biomasa nas instalacións de Frigsa co fin de axilizar ao máximo posible os prazos.

O Goberno dá este paso despois de que, tras numerosos intentos durante os meses de verán, o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) lle comunicase que ampliará o prazo máximo para acometer a obra e xustificala ata finais de novembro, unha data que o organismo da Xunta deberá aínda facer oficial a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Unha vez delegadas as competencias da tramitación do expediente de contratación no Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, este decretará ademais a urxencia do mesmo, co que os prazos aínda serán máis curtos en canto á licitación.

Daniel Piñeiro lembrou que, aínda que a liña de subvencións do INEGA foron convocadas para o ano 2016, “non recibimos o certificado da concesión da axuda ata o pasado mes de febreiro, un atraso alleo ao Goberno, que complicou aínda máis que a oposición municipal non fora capaz de acordar a aprobación dos Orzamentos do 2017 e logo Ciudadanos recorrera a aprobación das modificacións de crédito nas que estaba recollida a contía económica que lle corresponde achegar ao Concello –de 300.000€- para poder acometer esta obra. Deste xeito, non tivemos crédito para esta actuación ata este mes de setembro”.

Piñeiro asegurou tamén que o Concello de Lugo “non é o único de Galicia nin moito menos que está tendo complicacións para chegar a tempo aos prazos marcados polo INEGA para acometer as obras e xustificar as subvencións, de feito, todos os proxectos subvencionados na anualidade 2016 caeron, excepto os de Lugo e Ponteareas, porque o tempo que deixou o organismo da Xunta é moi curto e a execución das actuacións en moitos casos é longa e complexa, polo que se fan irrealizables”.

Noticias relacionadas