O Foro Feminista Maruja Mallo recibe o premio Entre Mulleres 2018, nun 8-M “que pasará á historia na loita pola igualdade”

A Alcaldesa presidiu o acto de entrega deste galardón institucional, co que o Concello quixo “recoñecer e visibilizar o movemento feminista, que sempre existiu, pero que agora rexurde. Atopámonos ante a xa chamada cuarta ola feminista, un punto de inflexión que non ten volta atrás”

Xoves, 08 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Foro Feminista Maruja Mallo recibe o premio Entre Mulleres 2018, nun 8-M “que pasará á historia na loita pola igualdade”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presidiu este xoves no Salón de Plenos o acto de entrega do premio Entre Mulleres do Concello ao Foro Feminista Maruja Mallo, nun 8-M que “pasará á historia na loita pola igualdade”, subliñou a rexedora, pola mobilización e repercusión social, política e mediática que acadou a nivel mundial.

Con este galardón institucional, o Concello quixo “recoñecer, visibilizar e agradecer o seu traballo ao movemento feminista, que existiu dende sempre, quizais as primeira feministas foron as mulleres que mataron en Salem en 1692 por consideralas bruxas cando o que reivindicaban eran dereitos, pero que agora está recobrando importancia, rexurdindo e nos atopamos ante a xa chamada cuarta ola feminista, un punto de inflexión que non ten volta atrás”, argumentou a Alcaldesa.

Recolleu o premio Carmen Simón en representación do foro, do que asistiron outras integrantes, ademais de colectivos sociais da cidade, membros da Corporación municipal e outras autoridades, como a deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo.

Lara Méndez subliñou a necesidade de seguir loitando pola igualdade e o empoderamento da muller “porque estamos dando pasos a atrás, xa que a crise ten nome de muller, como o ten o paro, a brecha salarial, as pensións mínimas, a conciliación, a desigualdade, a dependencia e a violencia”. “Somos o 52% da sociedade e supoñemos o 68% da poboación universitaria, pero logo iso non se traduce no día a día na nosa sociedade”, engadiu. A rexedora indicou que é preciso regular, pero tamén aplicar o actual marco normativo existente, dotando con recursos  leis como as de igualdade no traballo ou a de violencia de xénero.

A Alcaldesa agradeceu ao Foro Feminista o seu traballo e función, por ser o “altofalante de moitas mulleres que non poden facerse escoitar”.

Pola súa banda, Carmen Simón explicou que o obxectivo do Foro Feminista é “recuperar a óptica feminista que nos foi roubada na educación”, promover “a teoría política do feminismo”, achegar “á sociedade lucense outras miradas para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”, e “divulgar a achega das que nos precederon neste movemento, como Maruja Mallo, con cuxa imaxe de loitadora e rompedora nos identificamos”.

Tras o acto de entrega do Premio Son Muller, tivo lugar na Praza Maior a visita ao tótem do proxecto Recorda, impulsado por Bonhomía Asociación coa colaboración do Concello co obxectivo de empoderar á muller. O primeiro ano en Lugo e no 2017 en gran parte de España, en centos de espellos de diversos lugares (centros de saúde, concellos, tendas, edificios de vivendas, universidade...) púidose ler unha mensaxe de autoestima que chegou a miles de mulleres: “Recorda que a muller máis importante do mundo está, ahora mesmo, diante de ti”. Este tótem

Seguidamente procedeuse á lectura dun manifesto polo 8-M por parte de Fátima Pérez Calderón, integrante do Foro Feminista Maruja Mallo. O texto, tratado no Foro de Igualdade, é o seguinte:

Xuntas somos máis. Cada 8 de Marzo celebramos a alianza entre mulleres para defender os nosos dereitos conquistados. Foi a unión de moitas mulleres no mundo a que conseguiu grandes vitorias para todas nosoutras e a que nos proporcionou os dereitos que hoxe posuímos. Precédenos unha longa xenealoxía de mulleres activistas, sufraxistas e sindicalistas. Non obstante, sabemos que aínda non é suficiente: queda moito por facer, e nosoutras seguimos loitando.

A sororidadeé a nosa arma; é a acción multitudinaria a que nos permite seguir avanzando. A data do 8 de marzo é nosa, internacional e reivindicativa.

As mulleres seguimos a sufrir unha situación de desigualdade laboral e de todas as desigualdades que afectan á condición de ser mulleres no noso país:

  • As mulleres sufrimos e seguimos sufrindo en maior medida as consecuencias da crise.
  • As mulleres temos unha dobre xornada, unindo ao traballo laboral o traballo non remunerado no ámbito doméstico e no dos coidados.
  •  As mulleres temos de ganancia media anual preto de 6 puntos menos con respecto á dos homes.
  • Copamos o emprego a tempo parcial: máis do 20% das mulleres asalariadas traballan a tempo parcial, en moitos casos non desexado, e noutros moitos para o coidado das criaturas e das persoas dependentes.
  • O emprego das mulleres segue a caracterizarse pola temporalidade. En 2017 os contratos indefinidos asinados por asalariadas en Galicia supuxeron menos do 5%.
  • A fenda salarial sitúase de media nun 23% en detrimento do salario das mulleres.
  • As pensións das mulleres son moito máis baixas cás dos homes, chegando a unha diferenza de case un 40%.

 Por iso, é urxente abordar por lei medidas para erradicar as discriminacións históricas que condicionaron e condicionan a vida das mulleres, en especial en todo o relativo ao emprego e a vida laboral.

Queremos denunciar os recortes orzamentarios nos sectores que máis afectan ás mulleres: o sistema de saúde, os servizos sociais e a educación.

Esiximos un avance na coeducación en todos os ámbitos e espazos de formación e unha educación que non relegue a nosa historia ás marxes dos libros de texto.

Ningunha muller é ilegal. Dicimos basta ao racismo e á exclusión! A consecuencia directa das guerras é a existencia de millares de mulleres refuxiadas en todo o mundo. Esiximos a súa acollida. Denunciamos a utilización das mulleres como botín de guerra.

Non queremos esquecer as mulleres que son utilizadas como mercadoría para a explotación sexual.

A nosa identidade é múltiple: somos diversas. Vivimos na contorna rural e na contorna urbana, traballamos no ámbito laboral e no dos coidados. Somos paias, xitanas, migradas e racializadas.

Berramos non ás violencias machistas, e esiximos que o Pacto de Estado se dote de recursos e medios para o desenvolvemento de políticas reais e efectivas que axuden a conseguir unha sociedade libre de violencias contra as mulleres e as nenas.

Pero tamén berramos non ás violencias machistas, cotiás e invisibilizadas, que vivimos as mulleres sexa cal sexa a nosa idade e condición. Queremos poder movernos en liberdade por todos os espazos e a todas horas. Sinalamos a violencia sexual como expresión da apropiación patriarcal do noso corpo.  É urxente que a nosa reivindicación Nin unha menos sexa unha realidade.

Denunciamos a LGTBIfobia social, laboral e institucional que sufrimos moitas de nosoutras, como unha forma de violencia machista. Dicimos non á patoloxización e apropiación dos nosos corpos e as nosas vidas, non aos feminicidios trans, non á transmisoxinia! Somos mulleres e somos diversas.

Para rematar, hoxe 8 de marzo é unha xornada histórica para a loita internacional das mulleres pola consecución efectiva dos nosos dereitos, e o Concello de Lugo e o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade  aprobaron dar o seu apoio á folga feminista.

Viva a folga de coidados, de consumo, laboral e educativa!

Viva a folga feminista!

Se nosoutras paramos, para o mundo!

Noticias relacionadas