O Festival Urban Cores Atlánticas reúne este sábado en Lugo ás promesas e talentos da cultura urbana de Galicia e Portugal

A iniciativa enmárcase na programación promovida polo Goberno de Lara Méndez con motivo da celebración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico na capital lucense.

A rexedora supervisou este xoves o inicio dos traballos de pintado dun autobús que será embelecido, a modo de exhibición, por grafiteiros lucenses durante a xornada do sábado.

O festival contará cunha zona de catering e actividades deportivas en formato 3x3 para as que é precisa inscrición previa a través da páxina web www.lugocapitaldacultura.com

Mércores, 22 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Festival Urban Cores Atlánticas reúne este sábado en Lugo ás promesas e talentos da cultura urbana de Galicia e Portugal

O Festival Urban Cores Atlánticas reunirá este sábado, na Rúa 8 de Marzo, nas inmediacións do centro comercial As Termas, ás promesas e grandes talentos da cultura urbana de Galicia e Portugal. A cita enmárcase na programación promovida polo Goberno de Lara Méndez no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlántico e será “unha oportunidade única para disfrutar deste xénero en todas as súas modalidades e expresións”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez supervisaba este xoves o inicio dos traballos de pintado dun autobús que será embelecido, a modo de exhibición, durante a xornada do sábado por grafiteiros lucenses, entre os que se atopan Treze Trazos ou Concepto Circo. Esta exhibición levarase a cabo nunha zona na que tamén se instalarán varias furgonetas e onde os e as artistas, entre os que tamén se atopa o portugués Virus, estarán todo o día pintando.

A rexedora informou así mesmo de que xa están rematados os tres murais realizados en tres medianeiras nas Casas Sindicais, por Diego As, Marcos Pereira, Pía Piadosa e Noemí Núñez, a través da segunda edición do programa municipal Urban Cores. “Dentro desta iniciativa, do 2 ao 5 de maio –coincidindo coa semana do Tour do Talento–, celebraranse talleres destinados á mocidade, abertos para un total de 40 mozos e mozas lucenses, que compartirán espazo, experiencias e a visión de cada artista sobre a pintura mural e a arte en xeral”, lembrou Méndez.

A xornada deste sábado contará así mesmo, con exhibicións de skate, batallas de galos ou actuacións en directo de DJs. Entre os artistas convidados figuran rapeiros de talla nacional como Israel B, que vén de acadar un Disco de Ouro co tema “Waoh”, no que colabora co artista canario Quevedo, ademais de asinar outras colaboracións con artistas de talla internacional como C Tangana ou Delaossa.

Tamén haberá unha zona gastronómica e zona musical, na que se instalará un escenario con carpa e, a maiores, campionatos deportivos en formato 3x3 de fútbol sala e baloncesto.  Todas as actividades serán de balde e abertas ao público e só será necesario inscribirse para as deportivas, a través da web: www.lugocapitaldacultura.com, onde se pode atopar toda a información sobre o programa desta cita, así como do resto dos eventos da Capital da Cultura.

Programación da xornada

11.00h.- Comezo da exhibición de graffitis e arte urbano con: Yoe 33, Treze Trazos, Bure, Otro Prisma e Virus.

  • Comezo do campionato de basket 3x3 (duración todo o día)
  • Comezo do campionato de fútbol sala 3x3 (duración todo o día)
  • Comezo do campionato de voleibol 3x3 (duración todo o día)
  • Comezo exhibición de skate (duración todo o día)
  • Comezo sesión DJ (todo o día) con: Nasa + FAT + Tropical Boyz + Pobre + Aloe Perra

18.00h.-  Entrega de premios campionatos

18.30h.-  "Batalla de galos"

20.30h.-  Concerto de Israel B

Noticias relacionadas