Máis de 15 mozos e mozas participaron na creación artística de dous murais na Praza Viana do Castelo e na Casa Clara Campoamor.
A actividade buscou promover valores como o traballo en equipo e o compromiso coa mellora dos espazos públicos.
"Esta iniciativa afasta á mocidade de condutas aditivas e involucraos na transformación da súa contorna", destaca o concelleiro Jorge Bustos.

O Executivo de Paula Alvarellos revitaliza espazos de ocio xuvenil en Lugo a través da arte urbana. A Área de Xuventude concluíu con éxito unha actividade de pintura mural, na que máis de 15 mozos e mozas de entre 14 e 35 anos participaron produtivamente. Esta iniciativa, que se desenvolveu ao longo do mes de xullo, tivo como obxectivo o acondicionamento de dous muros situados na Praza Viana do Castelo e na Casa Clara Campoamor.
O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou a importancia desta actividade como ferramenta para involucrar á mocidade na mellora dos espazos públicos e promover valores como o traballo en equipo e o compromiso coa comunidade. "O obxectivo é que os mozos non só disfruten dunha actividade creativa, senón que tamén se sintan partícipes da transformación e embelecemento da súa contorna, poñendo en valor espazos que antes estaban abandonados ou en desuso", subliñou.
Ao longo das diferentes xornadas, os participantes traballaron man a man co artista Rubén Paz, quen lles ensinou as técnicas básicas da pintura mural e os guiou no proceso creativo. A actividade non só permitiu que a mocidade desenvolvese habilidades artísticas, senón que tamén fomentou o traballo en equipo e a cooperación entre os participantes.
Jorge Bustos quixo tamén poñer en valor o impacto positivo que actividades coma esta teñen na xuventude, afastándoos de condutas que poidan derivar en adiccións. "Esta iniciativa afasta á mocidade de condutas aditivas e involucraos na transformación da súa contorna, convertendo espazos deteriorados en zonas de lecer que melloran a calidade de vida no barrio", apuntou o concelleiro.
O resultado desta colaboración é a creación de dous murais que xa adornan os muros da Praza Viana do Castelo e da Casa Clara Campoamor, convertendo estes espazos en puntos de referencia para o lecer xuvenil. A mocidade que desexe coñecer máis actividades do programa +Xtí, impulsado polo Concello de Lugo e subvencionado polo Plan Nacional sobre Drogas, pode contactar co Servizo de Xuventude.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre os murais urbáns | Descargar mp3


