O Executivo de Paula Alvarellos repón preto de 200 árbores na cidade dentro da campaña anual de repoboamento

Empregáronse exemplares de 33 especies distintas seleccionadas coidadosamente para asegurar a súa adaptación e bo desenvolvemento na contorna urbana.

Tamén rematou a campaña de flor de Primavera, na que máis de 37.000 unidades foron plantadas en diversas zonas verdes, rotondas e espazos singulares da cidade.

"Buscamos non só embelecer a nosa cidade, senón tamén contribuír á biodiversidade e a calidade do aire. A selección de especies realizouse coidadosamente para asegurar a súa adaptación e bo desenvolvemento na contorna urbana", destacou o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.

Venres, 19 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos repón preto de 200 árbores na cidade dentro da campaña anual de repoboamento

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Concellería de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, completou a reposición de 185 exemplares arbóreos en diferentes puntos da cidade, tanto en rúas como en parques e espazos verdes. Estas árbores foron replantadas en substitución dos exemplares secos da mesma especie, deteriorados, ou que foron retirados debido a obras, vandalismo ou outras circunstancias.

O edil da área destacou a importancia desta iniciativa afirmando que “o noso obxectivo é optimizar a calidade ambiental e a confortabilidade dos espazos públicos, incrementando as zonas de sombra e mellorando a estética urbana. Cada ano levamos a cabo esta campaña para asegurar que os nosos espazos verdes se manteñan saudables e seguros para toda a veciñanza”.

Para as tarefas de substitución empregáronse exemplares de 33 especies diferentes, como as faias, os arces, os tilos, os prunos ou os castiñeiros. “Buscamos non só embelecer a nosa cidade, senón tamén contribuír á biodiversidade e á calidade do aire. A selección de especies realizouse coidadosamente para asegurar a súa adaptación e bo desenvolvemento na contorna urbana”, apuntou Fernández sobre o proceso de planificación dos traballos para a reposición levados a cabo.

A iniciativa levouse a cabo de forma coordinada entre os técnicos do concello e a empresa concesionaria do servizo, asegurando que cada exemplar plantado cumpra cos requisitos necesarios para o seu óptimo crecemento e a simbiose co resto de árbores que conforman a masa forestal do municipio de Lugo.

Mellora floral de Primavera

Así mesmo, a Concellería rematou a campaña de plantación de flor de primavera, con 37.315 unidades plantadas en diversas zonas verdes, rotondas e espazos singulares da cidade. Entre as variedades empregadas destacan algunhas tan populares como petunias, begonias, pelargonios ou xeránios.

Para esta campaña, destacouse a importancia de seleccionar especies e cores adecuadas desde o punto de vista paisaxístico, co obxectivo de crear espazos máis atractivos e rechamantes tanto para a veciñanza como para turistas e visitantes.

Miguel Fernández subliñou que “estas accións son fundamentais para manter e mellorar a calidade de vida na nosa cidade. Seguimos traballando para facer de Lugo un lugar máis verde e acolledor para todos”.

Estas actuacións de repoboamento arbóreo e plantación de flores, que supuxeron un investimento superior aos 90.000 euros, poñen de manifesto o compromiso do Goberno local co medio ambiente, promovendo unha cidade máis sostible e mellorando a calidade de vida dos seus habitantes.

Audio

  • O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre a reposición de árboles | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos repón preto de 200 árbores na cidade dentro da campaña anual de repoboamento

Noticias relacionadas