Segundo explicou a edil de Benestar Social, a medida responde á liña de acción política centrada en promover a integración e o envellecemento activo deste tipo de poboación.
Olga López Racamonde lembra que “en Lugo hai 21.000 maiores, polo que será moi beneficioso traballar conxuntamente para acadar un maior nivel de benestar”.
Tamén estanse a preparar os temas a tratar con problemática engadida, como o que afecta ás persoas de idade avanzada que viven soas no municipio de Lugo.

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Concellería de Benestar Social e Maiores, porá en marcha de xeito inminente o Consello do Maior, despois da súa aprobación no pleno da pasada semana, no que ademais da súa constitución quedaron aprobadas as bases dun órgano co que se pretende fomentar e mellorar a participación deste colectivo na vida municipal, tal e como xa adiantou a edil desta área, Olga López Racamonde. De feito, se está a preparar a primeira reunión deste novo órgano para despois do verán, no mes de setembro, un encontro no que "reuniranse ás distintas asociacións que traballan en Lugo a prol dun colectivo moi amplo, pois hai que lembrar que no municipio hai 21.000 maiores, polo que estou convencida de que será moi beneficioso colaborar para acadar un maior nivel de benestar", explica a concelleira desta área.
Ademais, nesta reunión abordaranse as principais problemáticas e demandas deste colectivo, de xeito especial todo o que afecta ás persoas de idade avanzada que viven soas no municipio de Lugo, e que na actualidade son unhas 5.000.
A concelleira de Maiores explicou en varias ocasións que “como Concello temos o deber de fomentar a participación e a implicación deste colectivo na vida municipal, especialmente no deseño das políticas que lles atinxen dun xeito directo. Por iso apostamos por estreitar a colaboración e o traballo conxunto como viñamos facendo ata de agora dun xeito informal, e facelo coa creación deste novo órgano, para acadar un maior nivel de benestar e atención”.
A creación deste novo órgano responde, segundo apunta López Racamonde, “á liña de acción política marcada polo Executivo de Paula Alvarellos, centrada en promover a integración e o envellecemento activo deste tipo de poboación”. Ademais, a responsable desta concellería chama a atención sobre “a situación que vive este colectivo en Lugo, municipio no que hai máis de 21.000 persoas maiores, das que moitas delas presentan o problema engadido de vivir soas”.
Neste sentido, desde a área de Benestar Social a súa responsable cre que “é importante manter as distintas iniciativas municipais postas en marcha desde as diferentes concellerías, co fin de promover un maior nivel de benestar e integración para os nosos maiores, ao tempo que traballamos conxuntamente na posta en marcha doutros proxectos”.
A este respecto a edil Olga López Racamonde sinala que “xa contamos con varios programas dirixidos aos máis de 5.000 maiores de Lugo que viven sos, e para os que o Concello de Lugo ten en marcha iniciativas como Xantar na Casa e Axuda no Fogar, que por suposto manteremos”.
Ademais, outro dos temas que se terá moi presente será a loita contra a despoboación en zonas rurais, un dos eidos nos que traballará o Executivo de Paula Alvarellos dunha maneira transversal en colaboración coas concellerías de Cohesión Social e Territorial e a de Benestar Social e Maiores.
Audio
- A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, sobre ás asociacións do Consello do Maior | Descargar mp3

