O Executivo de Paula Alvarellos concederá en Xunta de Goberno Local licenzas por máis de 6,9 millóns de euros

O Concello de Lugo autorizará a instalación dunha central térmica de biomasa que subministrará calefacción e auga quente sanitaria a nove edificios do Campus Universitario.
 
Tamén se aprobará a construción dun edificio de 42 vivendas na Praza Aviador Parga Cerezo, cun orzamento de case 3 millóns de euros.
 
A rexedora lucense subliñou que “o dinamismo urbanístico é clave para o crecemento equilibrado de Lugo, combinando o avance nas infraestruturas co respecto pola planificación urbana”.

Luns, 03 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos concederá en Xunta de Goberno Local licenzas por máis de 6,9 millóns de euros

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará este mércores en Xunta de Goberno Local dúas novas licenzas urbanísticas cun investimento conxunto que supera os 6,9 millóns de euros. Trátase, por unha banda, da autorización para a instalación dunha central térmica de calor distribuído alimentado con biomasa no Campus Universitario de Lugo, que abastecerá nove edificios de calefacción e auga quente sanitaria. Pola outra, darase luz verde á construción dun edificio residencial de 42 vivendas na Praza Aviador Parga Cerezo.
 
A rexedora salientou que a concesión destas licenzas representa un paso máis no desenvolvemento de Lugo, impulsando proxectos que modernizan infraestruturas e xeran actividade económica. "A nosa cidade debe seguir avanzando e para iso é fundamental que facilitemos a execución de proxectos estratéxicos, tanto para a mellora dos servizos como para o impulso do sector da construción, que ten un peso fundamental na economía local e na creación de emprego", afirmou.
 
O proxecto de xeración térmica con biomasa, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, conectará vinte salas de caldeiras distribuídas en nove edificios do campus mediante unha rede de canalizacións subterráneas. A iniciativa inclúe a construción dunha edificación para a central de biomasa, que contará con cinco caldeiras de 990 kW cada unha, así como un sistema de distribución de calor e unha rede de datos instalada na mesma gabia. O investimento previsto é de 3.907.725 euros, cun prazo máximo de execución de 24 meses.
 
En canto á promoción residencial, a nova edificación estará situada na Praza Aviador Parga Cerezo, na esquina coa rúa Jacinto Calvo. O proxecto contempla dous bloques de sete plantas máis ático, con 42 vivendas, 59 prazas de garaxe e 43 trasteiros. O orzamento das obras ascende a 2.990.524 euros, cun prazo de execución de 36 meses.
 
A rexedora lucense destacou a importancia de manter un ritmo sostido na concesión de licenzas, asegurando que “o dinamismo urbanístico é clave para o crecemento equilibrado de Lugo, combinando o avance nas infraestruturas co respecto pola planificación urbana”. Ademais, puxo en valor o traballo dos servizos municipais, “que permiten atender con eficacia estas tramitacións e dar resposta ás necesidades da cidade cunha administración máis áxil e eficiente”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a Xunta de Goberno Local | Descargar mp3

Noticias relacionadas