O Executivo de Paula Alvarellos chega a un acordo co Colexio Diocesano San Lorenzo para alugar o seu campo de Fútbol 8 e poñelo a disposición dos clubs da cidade

Esta colaboración permitirá ás entidades facer uso das instalacións entre outubro de 2024 e xuño de 2025.

O acordo inclúe o acceso ao campo, vestiarios e iluminación por un total de 359 horas, cubrindo así as necesidades deportivas durante este período.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, sinalou que "estas colaboracións permiten reforzar a aposta do Concello polo crecemento dos nosos clubs deportivos, incorporando máis recursos para atender as súas necesidades".

Venres, 25 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos chega a un acordo co Colexio Diocesano San Lorenzo para que os clubes da cidade poidan empregar o seu campo de Fútbol 8

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Concellería de Deportes, chegou a un acordo co Colexio Diocesano San Lorenzo para alugar o seu Campo de Fútbol 8, facilitando o uso destas instalacións por parte dos clubs deportivos da cidade entre outubro de 2024 e xuño de 2025, coa posibilidade de estender esta colaboración a vindeiras tempadas. Este acordo forma parte da estratexia do Concello para reforzar os recursos dispoñibles e apoiar o crecemento continuo do tecido deportivo local, especialmente no ámbito do fútbol.

"Estas colaboracións permiten reforzar a aposta do Concello polo crecemento dos nosos clubs deportivos, incorporando máis recursos para atender as súas necesidades formativas e competitivas", destacou o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos. O convenio inclúe o uso do campo, vestiarios e iluminación, sumando un total de 359 horas dispoñibles para os clubs da cidade, que poderán desenvolver tanto as súas actividades formativas como as competicións programadas.

Esta nova colaboración enmárcase dentro dunha serie de medidas que buscan potenciar o deporte local, non só a través de acordos con entidades privadas, como o convenio alcanzado con Somos Fútbol, senón tamén coa optimización de instalacións municipais xa existentes, como o campo de Sanfiz no que se está efectuando unha mellora paulatina. O acordo con Somos Fútbol permitirá aos clubs da cidade utilizar as súas instalacións cubertas en Conturiz os sábados pola mañá, entre outubro e xuño, sen custo para as entidades deportivas, xa que o Concello asume o alugueiro.

"O crecemento dos nosos clubs é unha prioridade para nós, e estamos a traballar para que dispoñan das mellores instalacións e recursos, tanto a través de colaboracións públicas como privadas", subliñou Bustos.  

Con esta visión, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso de seguir traballando na mellora das infraestruturas deportivas e na incorporación de novos recursos para que os clubs deportivos poidan continuar crecendo e desenvolvéndose en óptimas condicións, tanto na súa faceta formativa como nas competicións que albergan.

Audio

  • O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, sobre o Colexio Diocesano San Lorenzo | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos chega a un acordo co Colexio Diocesano San Lorenzo para que os clubes da cidade poidan empregar o seu campo de Fútbol 8

Noticias relacionadas