A actuación máis destacada é a construción dunha Estación de Servizo en Castelo de Arriba orzamentada en 306.000 euros.

As licenzas urbanísticas protagonizaron, unha semana máis, a sesión da Xunta de Goberno celebrada esta mañá.
O executivo de Lara Méndez, validou un total de nove actuacións que, no seu conxunto, suporán un investimento no municipio, superior aos 850.000 euros.
Así, entre as intervencións máis destacadas figura a execución dunha estación de servizo para venda de carburantes e combustibles a vehículos na estrada LU -530, en Castelo de Arriba.
As instalacións, que contarán cunha área de repostaxe de dúas isletas con surtidor de dobre mangueira cada unha e con zona de lavado composta por dous boxes de limpeza a presión e dúas posicións de aspirado de vehículos, dispoñen dun orzamento de (306.327 €) e dun prazo de execución de dous anos.
Ademais, o equipo de goberno procedeu a autorizar a rehabilitación dunha fachada que afecta a varios portais na Avenida de Magoi (170.056 €) así como a reforma integral dunha vivenda na rúa Pontevedra (150.090 €).
Tamén se aprobou a instalación dun ascensor nun edificio de Marina Española (83.355 €) e a mellora da accesibilidade nun portal da Rolda da Muralla (18.745 €).
Igualmente outorgóuselle o visto bo ao arranxo do baixo cuberta dun inmoble sito na rúa Estaca de Bares (43.422 €) e á rehabilitación parcial das plantas baixa e primeira e cambio de uso, de escolar a hospedaxe para albergue, dunha edificación na rúa Santiago (70.884 €).
Alén de todos estes asuntos, na orde do día abordada esta mañá incluiuse a concesión do permiso para realizar cambios na distribución nun edificio en execución na rúa San Pedro (8.722 €) e un parcelamento de terras en Fazai.