O executivo de Lara Méndez destina 109.000 euros á mellora do pavillón do Pombal

A rexedora e o edil de Deportes visitaron as instalacións para comprobar a evolución dos traballos que consisten, fundamentalmente, na reforma do pavimento do polideportivo.

Xoves, 22 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez destina 109.000 euros á mellora do pavillón do Pombal

O executivo de Lara Méndez, a través da área de Deportes, vén de investir 109.434 euros na mellora do pavillón do Pombal, ao abeiro do Plan de Melloras das Instalacións Deportivas.

A alcaldesa e o edil Mauricio Repetto visitaron as instalacións para comprobar o avance dos traballos que consisten, fundamentalmente, na reforma do pavimento do polideportivo.

“O firme de todo o recinto, especialmente as pistas de baloncesto e fútbol sala, presentaban un elevado grao de deterioro debido ás humidades do terreo no que se asentan pero tamén polo uso intensivo que se fai das mesmas. De maneira que optamos por acometer a súa renovación completa co fin de dotar este espazo dunha superficie segura, de última xeración adaptada á normativa actual e ás esixencias técnicas”, sinalou Lara Méndez.

“A actuación – abondou a rexedora - súmase a outras xa realizadas nos últimos meses coas que pretendemos non só mellorar senón tamén incrementar as dotacións municipais ao servizo da cidadanía e favorecer a práctica de múltiples modalidades deportivas en recintos modernos e versátiles”.

Pola súa parte, o concelleiro Mauricio Repetto indicou que “os labores, que inclúen a retirada do material actual, a limpeza e impermeabilización da zona, a marcación das liñas de xogo e a colocación de novas canastras extensibles e soportes para os postes de voleibol, así como o repintado da fachada e o arranxo das tres pistas de tenis, se prevé que estean rematados a finais de agosto. Precisamente escollemos estas datas, nas que non hai probas nin competicións previstas, para acometelos co fin de ocasionar o menor prexuízo posible”, sinalou.

O responsable de Deportes fixo referencia, alén, a outras das intervencións promovidas pola súa área, como poden ser ás acometidas no pavillón Daniel Cordido e en Frigsa, onde se procedeu a cubrir dúas canchas de tenis ou á creación do novo circuito de Skate Park e enmarcounas, todas elas, na aposta decidida do executivo por incrementar a calidade das infraestruturas públicas “pero tamén a súa variedade incorporando novas alternativas para que, cada vez máis, a práctica do deporte sexa unha alternativa de ocio nas vidas das e dos lucenses”, concluíu Repetto Morban.

Audio

  • O edil de Deportes, Mauricio Repetto, sobre a Reforma do Pombal | Descargar mp3

Noticias relacionadas