O executivo de Lara Méndez comeza a monitorizar o consumo eléctrico público con dispositivos intelixentes para buscar unha maior eficiencia enerxética

O Concello de Lugo instalou xa 23 cadros de telecontrol dos 47 previstos nunha das experiencias piloto que se están a desenvolver co proxecto Lugo Smart City

A alcaldesa sostén que os resultados recollidos “nos permitirán implementar políticas de xestión máis sostibles e respectuosas seguindo o noso modelo de cidade verde”

Sábado, 05 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez comeza a monitorizar o consumo eléctrico público con dispositivos intelixentes para buscar unha maior eficiencia enerxética

O goberno de Lara Méndez da un paso máis nunha xestión máis eficiente da Iluminación pública a través da instalación de cadros eléctricos intelixentes en diversos puntos da cidade co fin de monitorizar e telexestionar os consumos, o que permitirá obter resultados medibles que “nos axudarán a implementar novas políticas de xestión máis sostibles e respectuosas seguindo o noso modelo de cidade verde”, sostén a rexedora.

Coas últimas instalacións, son xa 23 os equipos de telecontrol que incorporan a plataforma analítica de intelixencia enerxética os que están activos, e están pendentes de colocar 24 máis ata chegar a un total de 47.

Nas vindeiras semanas finalizarán as probas de funcionamento e comezarase a monitorizar o consumo enerxético medindo factores como a tensión en cada fase, a intensidade, a frecuencia eléctrica, a potencia ou a enerxía activa e reactiva acumulada.  Outra das vantaxes deste sistema é que, de existir un consumo alto, poderanse detectar enganches ilegais ou, no caso contrario, problemas de subministro, que se poderán subsanar de xeito moito máis áxil.

Os dispositivos intelixentes están ubicados nas áreas de A Campiña, no desdobramento da segunda rotonda; na Rotonda Leste, na carretera de Fonsagrada; nas inmediacións do hospital Lucus Augusti; no cruce do Paseo dos Estudiantes con rúa Das Artes, no cruce da rúa Montirón con Virxe da Esperanza e con Fonte da Bica, na Avenida de Madrid, na rúa Salvador Velayos e na rúa Rof Codina Veterinario. Os cadro pendentes ata os 47 están pendentes de permisos e iranse instalando de xeito progresivo.

Esta acción, na que se inviste 120.000 euros, é dunha das experiencias piloto integradas no proxecto Lugo Smart City, posto en marcha no pasado mandato co obxectivo de mellorar a prestación de servizos públicos locais con alta incidencia no cidadán a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC. A proposta presentada para este fin por Lara Méndez conseguiu atraer a Lugo 4,1 millóns de euros para este fin, dos que o Ministerio achega o 60%, uns 2,5 millóns, a través de Red.es, co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o Concello o resto, máis de 1,6 millóns de euros.

O Lugo Smart City tamén inclúe, entre outros proxectos xa moi avanzados, a implantación completa e integral da Administración Electrónica no Concello, unha plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais ou a instalación de sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores urbanos e rurais, xa instalados. 

Noticias relacionadas