O equipo de Goberno renuncia ao soldo o 8-M en apoio da folga feminista

Os actos conmemorativos do Concello polo Día da Muller arrancan mañá coa entrega do premio Entre Mulleres ao Foro Feminista de Lugo, logo do que se inaugurará o proxecto Recorda e se dará lectura a un manifesto

Mércores, 07 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O equipo de Goberno decidiu renunciar ao soldo correspondente ao día de mañá, 8 de marzo, co fin de apoiar a folga feminista convocada con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora para visibilizar o papel da muller e reivindicar a igualdade social, económica e sexual entre mulleres e homes.

O Concello, a través da área municipal de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, que dirixe Ana González Abelleira, preparou un amplo programa de actividades polo 8-M, que arrancarán mañá, ás 11:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, coa entrega dos premios Entre Mulleres, que vai dirixido ao movemento feminista, e que recollerán representantes do Foro Feminista de Lugo.

Ás 11:30 horas, terá lugar diante da Casa Consistorial a inauguración do proxecto Recorda, levado a cabo por Bonhomía Asociación durante os anos 2016 e 2017, en colaboración coa entidade local, e que en días posteriores realizará un percorrido por diferentes espazos da cidade. O primeiro ano en Lugo e no 2017 en gran parte de España, en centos de espellos de diversos lugares (centros de saúde, concellos, tendas, edificios de vivendas, universidade...) púidose ler unha mensaxe de autoestima que chegou a miles de mulleres: “Recorda que a muller máis importante do mundo está, ahora mesmo, diante de ti”. Despois da inauguración desta iniciativa, procederase á lectura dun manifesto, un texto común tratado no Foro de Igualdade.

Pola tarde, no Vello Cárcere entregaranse os premios Son Muller, organizados pola Asociación de Empresarias da provincia de Lugo, coa colaboración do Concello e a Deputación, co obxecto de poñer en valor o traballo das empresarias luguesas.

O domingo, como vén sendo habitual, celebrarase a XV Marcha pola Igualdade, con saída ás 12:00 horas da Praza Maior e con recorrido polo adarve da Muralla. A partir das 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere, proxectarase o documental Cambia de papel, elaborado pola ONG Implicadas no Desenvolvemento.

Ademais destas actividades, o xoves día 5 de abril, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, terá lugar a representación da obra 5 mulleres que comen tortilla, a cargo da compañía Señora Supina. A entrada custa 3 euros e pode mercarse a través de www.entradaslugo.es ou unha hora antes da función no propio auditorio. Esta obra é unha comedia delirante e enxeñosa. A liberdade, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta exitosa comedia internacional.

Entre as actividades para conmemorar o Día da Muller, o Concello tamén ten preparada unha proba deportiva, dentro do Circuíto Larsa Corre con Nós, que se converterá no Corre con Elas o 15 de abril, ás 12:00 horas, polo paseo de Ombreiro. Tamén, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando, levarase a cabo un programa de fomento de igualdade.

Continúan tamén os Faladoiros Feministas, unha iniciativa do Concello, a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, os días 6 de abril e 25 de maio, no Vello Cárcere a partir das 20:00 horas.

No transcurso do mes de abril, levarase a cabo a inauguración do espazo de visibilización permanente da historia das mulleres e de acceso público á cidadanía, Elas, no Vello Cárcere.

Noticias relacionadas