O entorno de Recatelo e do Anxo Carro contará con nova iluminación pública, na que o Concello investirá uns 120.000 euros

Manuel Núñez anunciou este martes as obras de renovación da infraestrutura, que arrancarán a vindeira semana

O proxecto de iluminación pública consiste na reposición dos 51 puntos de luz existentes no Anxo Carro -sobre columna-, e na substitución de 16 e instalación de 31 puntos novos de luz en Recatelo -sobre columna e fachada-

Martes, 16 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo comezará a vindeira semana as obras de renovación da iluminación pública no entorno de Recatelo e do estadio Anxo Carro. Así o anunciou este martes o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, quen deu a coñecer que a nova iluminación será de máxima eficiencia enerxética e integrarase no entorno urbano, tanto de día como de noite.

Tal e como deu a coñecer o edil, trátase dunhas obras que contan cun orzamento total duns 120.000 euros e que pasan pola substitución do alumeado, dunha gran antigüidade e con danos nos anclaxes e no illamento en Recatelo, e pola reparación e adecuación da instalación existente na zona do Anxo Carro. O proxecto consiste na reposición dos 51 puntos de luz existentes no Anxo Carro -sobre columna-, e na substitución de 16 e instalación de 31 puntos novos de luz na zona de Recatelo -sobre columna e fachada-, en concreto na rúa e Carril de Recatelo, Cedrón del Valle, Vila de Sarria, Plácido Rei Lemos, Xeneral Tella e Cidade de Viveiro.

A potencia total que se instalará é de máis de 15.000 w, sendo a enerxía consumida de máis de 72.000Kwh/ano, cun custe total aproximado duns 9.000 euros ao ano. Empregaranse luminarias de 70, 150 e 250w.
As obras de Recatelo teñen un prazo máximo de execución de tres meses e as do entorno do Anxo Carro, dous.
O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas subliñou a importancia que ten esta actuación, que responde a demandas dos veciños e veciñas, para a mellora dos servizos públicos, incrementando a seguridade viaria de peóns e vehículos, e para a propia imaxe da cidade.

Esta mellora súmase a outras que o Concello está acometendo en diferentes barrios da cidade para mellorar os servizos e infraestruturas públicos, como o arranxo do colector de saneamento na rúa da Rocha, a colocación de bancos no Sagrado Corazón e na Residencia, a mellora da zona infantil de Catasol ou a colocación de varandas na rúa Conde. “Traballamos para que todos os veciños e veciñas conten cos mesmos servizos, independentemente do barrio ou parroquia na que residan”, aseverou o Concelleiro. 

Audio

  • Manuel Núñez, sobre as obras de renovación da iluminación pública no entorno de Recatelo e do estadio Anxo Carro |Descargar mp3

Noticias relacionadas