Lara Méndez, explica que coa medida “se pretende dar entrada a todas as persoas que o pasado luns amosaron o seu interese por visitar a instalación pero, debido a elevada afluencia de público, non puideron realizala”
A rexedora anunciou tamén a presentación dunha moción ao Pleno para que a Xunta retome o proxecto ante a demanda social unánime que apoia a reivindicación
- Tema

O Cuartel de San Fernando abrirá, de novo, as súas portas a toda a cidadanía para tratar de dar cabida ao interese suscitado por coñecer o interior do edificio e o seu estado e conservación actual.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicaba hoxe que a medida vén dada pola cantidade de persoas que amosaron interese por participar na primeira xornada e, debido á elevada asistencia de público, non puideron realizala.
“A acollida da iniciativa foi estupenda. Este luns máis de 150 lucenses puideron descubrir in situ a xoia arquitectónica e patrimonial que é San Fernando, pero aínda así houbo ducias de interesados que xa non puideron entrar polo que abriremos un segundo turno de visitas guiadas, este xoves e no mesmo horario que a anterior, coa fin de que, nesta ocasión, poidan acceder á construción”, indicou a rexedora.
Lara Méndez anunciou tamén que debido á demanda social unánime que existe para converter o Cuartel no Museo da Romanización, o Partido Socialista trasladará ao Pleno Municipal unha proposición para promover que toda a Corporación se posicione sobre a necesidade de recuperar o proxecto de reforma comprometido pola Xunta e paralizado hai case 8 anos.
“Queremos instar ao executivo galego a que, segundo establece a Lei do Patrimonio Cultural, exerza a súa competencia exclusiva nesta materia impulsando a recuperación do Cuartel de San Fernando como sede do Museo da Romanización. Polo que lle solicitaremos tamén que proceda a incorporar unha partida nos Orzamentos do 2020 para retomar o proxecto existente, fixando ademais as anualidades para rematar as obras”, avanzou a alcaldesa.
“Unha das finalidades que teñen estas xornadas de portas abertas é a de concienciar á cidadanía da necesidade de que se reactive a rehabilitación integral do edificio, tal e como estaba previsto xa que, de non facelo, a falta de uso seguirá potenciando a deterioración do inmoble, ano tras ano, sen que as actuacións que se leven a cabo para freala sexan nada máis que parches e, polo tanto, un gasto para a veciñanza que podería investirse na materialización das ansiadas dotacións”, lamentou a rexedora.
Lara Méndez aproveitou para anunciar que o Concello acometerá proximamente novos arranxos nas instalacións para evitar que os danos nas mesmas sigan aumentando e subliñou que, a creación do Museo permitiría non só reunir todas as pezas arqueolóxicas que recollen a memoria romana da cidade e intensificar os labores de investigación, senón tamén converter a Lugo nun centro de referencia diferenciado para poder atraer un turismo cultural de calidade ao municipio, o que axudaría, asemade, á súa dinamización económica”, concluíu.
Audio
- A alcaldesa Lara Méndez, sobre a segunda xornada de portas abertas en San Fernando | Descargar mp3