O Concello saca a contratación o seguro de accidentes para os participantes nas actividades de benestar social

Inclúe asistencia en obradoiros, accións conmemorativas, actividades de lecer dos máis cativos e saídas ao exterior. Deberán prestar cobertura por falecemento, invalidez parcial ou absoluta e asistencia sanitaria por accidente

Mércores, 23 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou este mércores de que a Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación o seguro de actividades para as persoas participantes nas actividades organizadas pola área de benestar social do Concello. Así mesmo, aprobáronse os pregos de prescricións técnicas e de claúsulas administrativas que rexerán nesta licitación, que se fará por procedemento aberto.

Tal e como explicou o edil, a asistencia incluirá falecemento, invalidez parcial ou absoluta e asistencia sanitaria por accidente en obradoiros, tanto da área de formación e actividades culturais, área de súade, área de actividades físicas e área de actividades creativas, así como en accións conmemorativas puntuais, como o Día do Maior, actividades para o tempo de lecer dos máis cativos e saídas ao exterior, como as excursións de verán. O número máximo de persoas a cubrir por día serán 1.600, cunha media diaria de 1.235.

A duración do contrato, que ten un orzamento de 25.000 euros para o primeiro ano, ten unha duración de dous anos. As empresas teñen 15 días para presentar as súas ofertas dende a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Produtos Microsoft

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou a apertura do procedemento de adxudicación da subministración, actualización e soporte de licenzas de produtos Microsoft para o Concello, así como os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas, tras quedar deserta a anterior licitación, por mor da modificación dalgunha das licenzas, e polo conseguinte, a modificación do prezo de licitación. Segundo avanzou Fernández, as tarefas de subministro e actualización contarán cun orzamento de preto de 167.000 euros, cunha duración do contrato de tres anos.

O anuncio de licitación publicarase no BOP e no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación no BOP.

Ampliación da xustificación de subvecións a ONGD

Na sesión deste mércores, tamén se aprobou a ampliación de prazo para xustificar as subvencións concedidas a ONGD para a realización de proxectos de sensibilización social (convocatoria 2015), dende o 16 de novembro de 2016 ao 30 de abril de 2017.

Reclamacións e suxestións

Entre outros asuntos, deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, o día 20 de outubro de 2016. Neste período recibíronse 61 reclamacións e 8 suxestións. As reclamacións e suxestións responden ás áreas de de Policía Urbana, Gabinete de Tráfico, Transportes, Policía Local, Sancións, Medio Ambiente, Tesourería, Enxeñaría, Cultura e Atención Cidadá. En total resolvéronse 54 reclamacións e suxestións e están pendentes 14.

Audio

Noticias relacionadas