O Concello retirará, por perigo de desprendemento, 4 árbores afectadas por fungos no canil de Frigsa para garantir a seguridade dos usuarios

Trala caída dun dos exemplares existentes nas instalacións, por causas totalmente alleas ás obras que se están a executar, o Concello encargou un estudo das árbores restantes.

As conclusións do mesmo certifican que se atopan enfermos o que unido á súa propia ubicación, nun terreo inclinado, fai que sexa preciso retiralos para garantir a seguridade.

Venres, 24 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo procederá á retirada de catro árbores afectadas por fungos situadas nas instalacións do canil de Frigsa. Así o avanzou o edil responsable da área de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, quen explicou que “no transcurso das obras de mellora do canil, unha das árbores existentes caeu –por causas totalmente alleas aos traballos que se están a executar– polo que, ante as dúbidas polo estado de saúde no que se podían atopar o resto de exemplares situados no recinto, encargamos un estudo a unha empresa especializada para coñecer en detalle cal é a situación dos mesmos”.

Neste senso, Fernández avanzou que “segundo as conclusións do informe, que vimos de recibir no Concello, os catro exemplares que quedan están afectados por fungos e non son recuperables; por este motivo, procederemos a retiralos nos vindeiros días, para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias destas instalacións, posto que a propia ubicación das árbores, nun noiro, resulta perigosa tanto para os cidadáns como para as mascotas pola posibilidade de desprendementos”, apuntou. Unha vez retirados, continuarán os labores de  reforma do recinto, de case 1.200 m², que estará equipado cun circuíto agility e zona de lavado e peiteado para mascotas.

A finalidade desta actuación, á que o Concello destina un investimento municipal de 95.724 euros, é incrementar a comodidade do canil e, para iso, habilitaranse tamén dúas áreas estanciais tipo parklet, con bancos e papeleiras, unha delas cuberta cunha estrutura tipo pérgola que protexa da intemperie e permita o seu uso durante todo o ano en condicións de confort.

Noticias relacionadas