O Goberno local autorizou hoxe unha nova addenda pedida pola Xunta polo retraso na execución da ponte que debera estar acabada a finais de 2014

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, volveu reivindicar hoxe a execución de todos os proxectos incluídos no convenio do Plan Paradai.
Luis Álvarez manifestou que se a Xunta cumprira os compromisos asumidos coa cidade de Lugo no convenio asinado co Concello o 10 de febreiro de 2009, non viría ao caso a proposta feita polo PP para modificar o sentido de circulación nun dos treitos de Duquesa de Lugo.
O Voceiro do Goberno local explicou que con esa proposta o PP “en realidade, pretende agochar o efecto pernicioso que causa o feito de que a Xunta non estea a completar todas as obras previstas no Plan Paradai”. O incumprimento pola Xunta de Galicia da totalidade dos compromisos de obras recollidos no convenio do Plan Paradai aféctalle á previsión de construción dun vieiro que sairía da nova rotonda e que faría innecesario poñer o dobre sentido de circulación nese treito.
Álvarez fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local que hoxe tomou un acordo para adaptar á realidade a execución das obras da ponte, que deberan estar terminadas, consonte as previsións da Xunta, a finais do ano pasado e que aínda está sen rematar.
Luis Álvarez tamén destacou que o Goberno local é responsable coas obras que supoñen un beneficio para Lugo, responsabilidade que a Xunta de Goberno ratificou esta mañá coa addenda número 4 ao convenio do Plan Paradai, que foi asinada o 23 de decembro pasado, ao non terse producido alegacións durante a súa exposición pública.
Esta addenda modifica a cláusula terceira do convenio relativa aos compromisos financeiros da Xunta de Galicia e recolle o axuste dos importes das anualidades do convenio consonte a realidade e previsións de execución das obras. Con esta modificación, a redacción da devandita cláusula relativa aos compromisos da Xunta de Galicia sinala que financiará as obras segundo o proxecto, destinando para iso ata un máximo de 3.557.670 euros distribuídos en anualidades da seguinte forma:
- 2012 12.934,79 euros
- 2013 342.832,21 euros
- 2014 2.453.881,84 euros
- 2015 748.021,16 euros
Contratación de 20 perceptores do RISGA
A Xunta de Goberno tamén abordou o procedemento selectivo para a contratación de 20 persoas en situación de risco de exclusión social, perceptoras da RISGA, ao abeiro dunha convocatoria feita pola Consellería de Traballo e Benestar.
O Voceiro do Goberno local explicou que a subvención concedida ao Concello de Lugo é para a contratación, durante sete meses e polo 50% da xornada, de 20 persoas en situación de risco e exclusión social perceptoras de RISGA para traballos que se levarán a cabo dentro do programa “Conserva Lugo”.
A selección de traballadores e traballadoras que se contrate será realizada por un grupo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Traballo e Benestar. En todo caso, os traballadores e traballadoras que se contraten deberán ser preceptores de RISGA e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Terán preferencia as persoas preceptoras do RISGA que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 25 anos, e os que teñan cargas familiares.
Xogos infantís e zonas verdes
O Voceiro do Goberno local tamén deu conta de varias iniciativas da área que dirixe. Por unha parte, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a apertura do procedemento de adxudicación de distintas melloras na área de xogos existente no xardín de Catasol. A actuación consistirá na colocación dun novo chan absorbente, o acondicionamento do valado perimétrico e a instalación de dous novos xogos infantís. O presuposto máximo de licitación é de 36.000 euros, IVE incluído, e o prazo de execución dos traballos será de tres meses.
Luis Álvarez explicou que se dá cumprimento así a unha demanda dos veciños da zona e tamén informou de que o servizo de Parques e Xardíns da Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente está a estudar a instalación en todos os parque infantís de bambáns adaptados para que poidan gozar destes xogos os nenos con problemas de mobilidade. Trátase dunhas cadeiras adaptadas que poden ser utilizadas por todos os nenos e a intención da Concellería é instalar unha en todas as zonas de xogos.
Por outra parte, a Xunta de Goberno deulle o visto e prace esta mañá á prórroga do contrato correspondente ao servizo de mantemento, mellora e conservación das zonas verdes públicas e arboredo viario. Esta prórroga será por un ano e cun importe máximo de 729.796,20 euros, IVE incluído.
Pavimentación de rúas nas Gándaras
A Xunta de Goberno tamén aprobou este mércores sacar a contratación as obras de rexeneración do pavimento de dous vieiros nas rúas da zona das Gándaras, concretamente das rúas San Xosé e Tres Marías.
Esta actuación sae a licitación por un importe máximo de 77.677 euros, IVE incluído, e cun prazo máximo de execución de tres meses. Esta obra está incluída no Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación de Lugo.
Seguridade para instalacións municipais
O Goberno local autorizou, ademais, a apertura do procedemento de adxudicación para a contratación mediante lotes da prestación do servizo de seguridade privada para a vixilancia do Fogar do Transeúnte e do recinto do CEI-Nodus – Espazo>Lab.
No caso do Fogar do Transeúnte, este servizo volve saír a contratación logo de que o Concello desistiu do anterior procedemento ao detectarse que, presuntamente, a empresa adxudicataria inflara os custes dos salarios dos traballadores que deberán ser subrogados pola nova adxudicataria. Ademais de desistir do procedemento de licitación, o Concello deu parte dos feitos ao Consello Galego da Competencia.
O novo prego de condicións establece que o servizo de vixilancia do Fogar do Transeúnte prestarase todos os días do ano por un vixiante co seguinte horario: de luns a venres de 13.00 a 14.30 e de 19.00 a 9.00 horas. O prezo do contrato para a primeira anualidade ascende a 107.445,80 euros (IVE incluído).
No caso do CEI-Nodus – Espazo>Lab, o servizo de vixilancia prestarase todos os días do ano co seguinte horario: dende as 14.15 horas ata as 01.00 horas. O prezo do contrato para a primeira anualidade ascende a 69.623,22 euros.
O prazo do contrato será por dous anos, prorrogables por períodos dun ano ata un máximo de dúas prórrogas.
Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén aprobou esta mañá remitir ao Consello Consultivo de Galicia para o seu ditame a resolución dos contratos administrativos correspondentes á execución das obras de construción e a asistencia técnica para a redacción do proxecto técnico e dirección da obra de construción da biblioteca do barrio da Piringalla.
O Concello solicita o ditame do Consello Consultivo de Galicia como paso previo á resolución dos dous contratos por incumprimento das obrigas por parte da empresa construtora e da dirección da obra. Así mesmo, a Xunta de Goberno Local acordou proceder á retención das garantías definitivas constituídas polas mesmas en tanto non se determine o importe real dos danos e prexuízos ocasionados pola resolución dos contratos asinados con cada un deles.
Tamén en materia de contratación, acordouse o inicio do procedemento de contratación para a prestación dun servizo de mantemento e subministración de consumibles dos sistemas de impresión do Concello cun prezo máximo de 66.096 euros IVE incluído para a primeira anualidade e unha duración do contrato dun ano con posibilidade de prórroga por outra anualidade. Así mesmo, autorizouse a prórroga por un ano do contrato correspondente ao mantemento das aplicacións do sistema integral cun presuposto máximo de 45.707, IVE incluído.
Audios
- Contratos RISGA | Descargar mp3
- Plan Paradai | Descargar mp3
- Bambáns adaptados | Descargar mp3