O Concello porá en marcha un dispositivo especial de seguridade ante a alerta amarela por neve e xeo

Todos os servizos municipais estarán activados para atender calquera incidencia que poida xurdir e esparexerase sal nas vías no caso de ser preciso

A alerta amarela afectará a partir desta noite ás 00:00 horas e espérase neve por riba dos 400 metros, cunha acumulación de ata uns 2 centímetros

Venres, 26 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Ante as previsións meteorolóxicas dunha alerta amarela por neve e xeo, prevista para as próximas horas, o Concello porá en marcha un dispositivo especial para garantir a seguridade de vehículos e peóns en todo o municipio.

Deste xeito, todos os servizos municipais estarán en alerta para atender calquera incidencia que poida xurdir. Ademais, o Concello tamén dispón dunha cantidade suficiente de sal para, no caso de ser preciso, esparexer onde sexa necesario. As reservas de sal son dunhas 10 toneladas.

A alerta afectará a partir desta noite ás 00:00 horas e espéranse precipitacións en forma de neve por riba dos 400 metros, cunha acumulación de ata uns 2 centímetros na zona centro de Lugo.

Por iso, o Concello recomenda extremar as precaucións ao volante, así como nos desprazamentos peonís ante a posibilidade de neve e xeo.

A entidade local por razóns de seguridade tamén pospuxo a proba deportiva do Corre con Nós na estrada do río Rato, prevista para este domingo, 28 de febreiro, ao sábado 2 de abril, no mesmo lugar e cos mesmos horarios.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o dispositivo especial de seguridade ante a alerta amarela por neve e xeo|Descargar mp3

Noticias relacionadas