O Concello participa na novena convocatoria de Greencities, Foro de Intelixencia e Sostibilidade Urbana, co Lugo Smart City

Trátase do principal encontro nacional sobre xestión urbana intelixente e sostible, que terá lugar os días 25 e 26 no Pazo de Feiras e Congresos de Málaga

Daniel Piñeiro defendeu a participación neste encontro, "que entronca co modelo de cidade que queremos para Lugo, unha cidade sostible, eficiente e innovadora; máis accesible, cómoda e humana, con máis espazos públicos para uso público e coa persoa no centro de toda acción política"

Venres, 06 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo participa este mes en Greencities, Foro de Intelixencia e Sostibilidade Urbana, o principal encontro nacional sobre xestión urbana intelixente e sostible que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Málaga (Fycma), entre os días 25 e 26 de abril. Desta forma, representantes de administracións públicas e institucións poderán entrar en contacto con profesionais vinculados ao desenvolvemento de smart cities e a sostibilidade urbana co obxecto de presentar e pór en común solucións e casos de éxito para satisfacer a demanda municipal e xerar oportunidades de negocio.

O Concello estará presente no networking da novena edición de Greencities, que convoca a profesionais, empresas e representantes de administracións públicas e institucións vinculados á edificiación e rehabilitación sostible, a eficacia enerxética e o desenvolvemento de cidades intelixentes, a gobernanza, o medio ambiente, a mobilidade intelixente e as oportunidades de financiación. Concretamente, a Málaga desprazarase o Enxeñeiro Municipal, Miguel Ángel Negral, que achegará ao resto de participantes o Lugo Smart City, a iniciativa de 4,1 millóns de euros para converter a cidade luguesa en intelixente e sostible.

Para o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, estar presentes neste foro, que na pasada edición reuniu a 200 cidades e 38 países, con máis de 3.400 visitantes e 900 empresas e entidades presentes; supón unha oportunidade para completar a visión de smart, un concepto que entende que ten que ser global e transvesal a todas as áreas municipais, de aí xa que o proxecto se realizara dende distintas concellerías e diversas áreas.

Piñeiro defendeu a participación neste foro, "que entronca ademais co modelo de cidade que queremos para Lugo dende o Goberno, unha cidade sostible, eficiente e innovadora; máis accesible, cómoda e humana, con máis espazos públicos para uso público e coa persoa no centro de toda acción política".

O foro

Greencities 2018 desenvolverá unha oferta de contidos estruturada ao redor dos principais ámbitos de actuación que marcan a axenda actual das cidades intelixentes e o seu crecemento sustentable, caso de goberno e participación cidadá, mobilidade, medio ambiente, enerxía, edificación e economía. Desta forma, durante dous días, Greencities adiantará as principais tendencias e achegas ao modelo smart e sustentable desde estas esferas. Para iso o foro habilitará un amplo programa de presentacións, conferencias e mesas redondas, así como unha zona expositiva que cada ano incorpora o catálogo de solucións máis amplo e diverso para cubrir as necesidades específicas das cidades intelixentes, con gran protagonismo das tecnoloxías da información e a comunicación, e os procesos de transformación dixital. Igualmente, incluiranse espazos específicos para o networking e a xeración de oportunidades de negocio e colaboración.

Como principais novidades nesta edición, terá lugar a celebración dos foros temáticos de Eficiencia Enerxética, Economía Circular e Mobilidade; Greencities englobará ademais o Foro TIC & Sustentabilidade, o GreenLab -zona de presentacións institucionais e comerciais, o Foro Elevator Pitch -área de exposicións de casos de éxito de empresas e/ou emprendedores- e a zona expositiva.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre a novena convocatoria de Greencities | Descargar mp3

Noticias relacionadas