O Concello favoreceu a inserción laboral de máis de 70 persoas con enfermidade mental nos últimos dez anos

A Alcaldesa, o director de Mapfre en Lugo e o vicepresidente de FEAFES Galicia presentaron unha nova edición do programa Juntos Somos Capaces, que permite que lucenses en risco de exclusión social traballen en prácticas en empresas prestadoras de servizos municipais

Mércores, 09 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello favoreceu a inserción laboral de máis de 70 persoas con enfermidade mental nos últimos dez anos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao director de Mapfre en Lugo, José María Rañón, e o vicepresidente da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES) e presidente do colectivo lucense ALUME, Manuel Fernández, presentou este mércores no Salón de Plenos unha nova edición do programa Juntos Somos Capaces, que impulsa a entidade aseguradora coa colaboración de FEAFES e do Concello, co fin de favorecer a inserción laboral de persoas con discapacidade, en risco de exclusión social. Dende que a entidade local participa nesta iniciativa, hai preto de dez anos, máis de 70 persoas con enfermidade mental traballaron en prácticas en empresas prestadoras de servizos municipais.

Neste 2018, está previsto que 5 persoas comecen a traballar nos vindeiros días en Clece, Lacera e Calfensa, e a finais de ano farao outro grupo en Urbaser.

Lara Méndez subliñou a importancia deste programa en favor da “igualdade de oportunidades, que todas as persoas poidan acceder a un posto de traballo en igualdade de condicións. Todos temos capacidades e discapacidades. Trátase de buscar en que somos bos cada un de nós”.

A Alcaldesa puxo en valor o respaldo do Concello a esta iniciativa dende hai case dez anos, dentro do seu compromiso coas políticas sociais, ao que de feito destina unha cuarta parte dos Orzamentos municipais para este ano. Así mesmo, agradeceu a aposta de Mapfre por impulsar e manter este programa social de emprego, a FEAFES a súa “imprescindible labor de 365 días ao ano” e ás empresas prestadoras de servizos municipais “a súa responsabilidade social corporativa”. Representantes destas entidades presentes no acto desta mañá destacaron a súa experiencia positiva neste programa de emprego, valorando o traballo e implicación das persoas que fixeron prácticas.

Tras a presentación, persoas beneficiarias do programa de anos anteriores recibiron un diploma acredidativo da súa participación.

Noticias relacionadas