O Concello facilitará autobuses gratuítos para o Caudal Fest cada 15 minutos

Os buses sairán dende a parada de bus da Praza de Bretaña os dous días, dende as 18:00 horas e ata as 02:15 horas o venres, e dende as 14:00 ás 04:00 horas o sábado

O regreso dende o festival, que será desde a parada de bus da Avenida dos Deportes, nas inmediacións do Anxo Carro, será dende as 18:15 ás 02:30 horas o primeiro día, e dende as 14:15 ás 04:00 horas, o segundo

Ademais, o sábado, os autobuses urbanos serán gratuítos para todas as persoas pasaxeiras durante todo o día, coincidindo coa Semana Europea de Mobilidade

Mércores, 19 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello facilitará autobuses gratuítos para o Caudal Fest cada 15 minutos

O Caudal Fest, que se celebra este venres e sábado en Lugo, entra na súa recta final e ultima os derradeiros detalles. Un deles é o transporte público para achegarse ao recinto deste festival urbano, o primeiro destas características na cidade, a contorna do río Miño.

O Concello facilitará autobuses gratuítos cada 15 minutos. Así o anunciou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que acompañada do Xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, e os organizadores do festival, David e Iván Méndez, se achegou este mércores a supervisar os traballos de montaxe.

A entidade local ofrece un transporte alternativo para que todas e todos os asistentes non teñan que coller os seus vehículos para acudir ao festival e o fagan de forma cómoda e segura, segundo explicou Méndez, quen avanzou que os buses lanzadeira sairán dende a Praza de Bretaña as dúas xornadas do festival, con saídas continuas o venres, dende as 18:00 horas e ata as 02:15 horas dende o centro; e dende as inmediacións do festival cara a cidade, dende as 18:15 ás 02:30 horas da madrugada. Pola súa banda, o sábado será dende as 14:00 horas ata as 04:00 dende a Praza de Bretaña e de 14:15 a 4 da mañá dende o festival.

Os servizos serán reforzados ao inicio e remate de ambas os dous días do Caudal Fest, así como tras o concerto de Rulo y su contrabanda (o venres) e logo de Vetusta Morla (o sábado) -por tratarse dos cabezas de cartel dos dous días-. É dicir, en vez de dous buses haberá catro, con saídas cada 7 minutos

O punto de partida é a Praza de Bretaña (dende a parada de bus), e o de destino é a parada de bus da Avenida dos Deportes, en fronte do aparcadoiro do Anxo Carro.

O recorrido de ida é o seguinte: Praza de Bretaña, pasando por Ramón Ferreiro, Avenida de Madrid e N-VI, ata festival; e o de regreos; N-VI por curva da Viña, estrada vella de Santiago, República Arxentina, Pintor Corredoeira e Praza de Bretaña. Tamén haberá unha zona reservada para taxis, despois da de bus. Ambas as dúas estarán acotadas para garantir a fluidez.

Ademais, o propio sábado, os autobuses urbanos serán gratuítos para todos os pasaxeiros durante todo o día, unha medida coa que se trata de contribuír a fomentar o uso do transporte público colectivo, coincidindo coa Semana Europea de Mobilidade.

Tanto a Alcaldesa como os organizadores do festival amosáronse máis que satisfeitos pola acollida do Caudal Fest, concebido para gozar da natureza do municipio a través da música, que cumpriu as expectativas de lanzamento; con máis de 10.500 entradas vendidas, 650 persoas con reserva na zona de descanso, a oferta hoteleira cuberta dende o verán, e máis de 50 persoas acreditadas para cubrir o evento. Pola súa banda, López amosouse orgulloso do traballo do Concello e da organización neste evento, que pon en valor a zona do Pazo de Feiras e Congresos e que terá gran repercusión socioeconómica en Lugo.

Cita sostible como broche de ouro á oferta cultural de Lugo e á festivaleira de Galicia

O Caudal Fest completa a axenda de actividades culturais que ofrece o municipio ao longo do verán e de todo o ano. Tamén complementa a oferta festivaleira de Galicia e sitúa a Lugo dentro do mapa nacional e internacional das citas musicais. É ademais cita sostible e respectuosa co medio ambiente, nunha zona que conta cunha gran riqueza patrimonial e histórica, e que o Goberno quere potenciar e unir coa cidade.

Audio

  • Lara Méndez, sobre os autobuses gratuítos para o Caudal Fest | Descargar mp3

Noticias relacionadas