O Concello dota a Fontiñas dun mellor abastecemento ao substituír as tubaxes de fibrocemento por fundición

Hoxe arrincaron as obras da renovación da rede, que afectarán aos treitos comprendidos entre as rúas Sanxillao e Montirón, de San Eufrasio ata o Parque dos Paxariños, e entre a rúa Montero Ríos e o Carril das Flores

Luns, 18 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello dota a Fontiñas dun mellor abastecemento ao substituír as tubaxes de fibrocemento por fundición

O Concello de Lugo iniciou este luns as obras da renovación da rede de abastecemento en Fontiñas. Así o deu a coñecer o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, que lembrou que se substituirán as tubaxes de fibrocemento existentes na actualidade por outras de fundición dúctil nos treitos comprendidos entre as rúas Sanxillao e Montirón, de San Eufrasio ata o comezo do Parque dos Paxariños, e entre a rúa Montero Ríos e o Carril das Flores, co fin de garantir a calidade do subministro. Trátase dunha actuación moi demandada polos veciños e veciñas da zona ante a antigüidade da subministración.

As obras, cun orzamento de 233.500 euros e un prazo de execución de catro meses, afectarán as beirarrúas dereita e esquerda desde a rúa Sanxillao á rúa Montirón, á beirarrúa esquerda desde o final da Ronda ata o inicio do Parque dos Paxariños e a beirarrúa dereita desde a rúa Montero Ríos ata o Carril das Flores. En todas elas se instalarán tubos de fundición cun diámetro de 150 mm –para conservar similares as características hidráulicas ás existentes- con válvulas de comporta, novas bocas de rego e de incendio, e a renovación das acometidas domiciliarias, sendo a lonxitude aproximada de renovación de 1.500 metros de tubaxes. Deste xeito, o Concello elimina totalmente as tubeiras de fibrocemento de Fontiñas.

Tal e como explicou Manuel Núñez, plantéxase a reposición do pavimento das beirarrúas afectadas, así como os tramos de calzada nos que se realizan os cruces, complementándose coa sinalización horizontal afectada pola actuación, o que incluirá a reposición de pasos de peóns.

Esta actuación, coa que a entidade local garante as boas condicións dun servizo público como é o abastecemento, completa a intervención que xa se levara a cabo na Ronda das Fontiñas, no treito entre o Carril dos Caiñós e a rúa Sanxillao.

Noticias relacionadas