O Concello descontará no recibo do lixo de outubro a parte do servizo non prestada na folga

A Alcaldesa anuncia que os lucenses percibirán unha rebaixa do 23,02% na vindeira factura trimestral, a parte proporcional correspondente ao servizo que non se prestou durante o paro

“Damos un paso máis na nosa acción de goberno, cumprindo un compromiso do Concello cos veciños”, subliñou

Xoves, 01 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, anunciou este xoves que o Concello descontará no próximo recibo do lixo, o de outubro, a parte proporcional correspondente ao servizo non prestado durante a folga. Os lucenses percibirán unha rebaixa do 23,02% en cada factura, precisou a rexedora, que deu conta deste xeito dun “compromiso cumprido do Concello cos veciños e veciñas”.

A cantidade a descontar variará en función das diferentes tarifas, segundo sexa recibo domiciliario ou por actividade comercial, hostaleira, industrial... No caso do recibo dun domicilio, que é fixo para todas as vivendas -21,63 euros trimestre-, o 23,02% establecido para o cálculo de devolución dá unha bonificación de 4,9 euros para un abonado ordinario (unha unidade familiar). Por exemplo, no caso dos hostaleiros, un establecemento cunha superficie de entre 400 e 1.000 metros cadrados, que paga 400 euros ao trimestre, percibirá un desconto de 93 euros no vindeiro recibo.

O total de abonados aos que se lles descontará o 23,02% na factura depende das variacións que se produciran no padrón, que, non obstante, superou nos últimos trimestres os 55.000 usuarios.

Criterios técnicos para calcular o desconto

O Concello, como avanzou dende un principio, desconta a parte proporcional correspondente ao servizo non prestado durante os días de folga.

A Alcaldesa explicou que a decisión política de efectuar a devolución “tomouse xa ao principio. Outra cousa é o procedemento administrativo para determinar o custe da folga en termos económicos, un procedemento largo e moi complexo”. Neste senso, indicou que os técnicos do Concello “estiveron avaliando cada unha das opcións procedimentais máis correctas para poder devolver ao cidadán a parte correspondente do servicio de recollida non prestado”.

Para o cálculo do desconto tivéronse en conta dous parámetros:
1º PARÁMETRO.- A parte deducible do recibo. A factura do servizo de lixo inclúe dous conceptos separados:

  • O tratamento dos residuos que se envían a SOGAMA, o que supón un 44,27% do total do recibo e que se realizou correctamente durante a folga, polo que se considera xuridicamente non deducible
  • A recollida, que supón o 55,73% do recibo, e que foi a que sufriu os efectos da folga, polo que é deducible

2º PARÁMETRO.- Os días nos que houbo déficit na recollida. Para determinar cal foi o déficit de recollida que se produciu, seguiuse o criterio técnico de comparar as toneladas de lixo recollidas en cada un dos días da folga, coas dos mesmos días do ano anterior (o 2013). O resultado é que houbo un déficit de recollida en 38 dos 59 días que durou a folga. Seguindo este criterio, dos 92 días que contempla un recibo trimestral, non se prestou o servizo de recollida en 38 días, o que supón o 41,30% do trimestre.

Deste xeito, o coeficiente de desconto do 23,02% que se aplicará no recibo sae de multiplicar a porcentaxe do custe da recollida do lixo pola porcentaxe de días do trimestre nos que houbo unha recollida deficiente (55,73 x 41,30 / 100 = 23,02%).

Un paso máis

Con esta medida, o Executivo dá un paso máis na súa acción de goberno, “cumprindo coa palabra dada aos lucenses”, subliñou a Alcaldesa, quen lembrou que o equipo que dirixe ten “o mandato de gobernar. Un dobre mandato: o dos cidadáns e a confianza depositada en nós na investidura por outras forzas políticas. E iso é o que estamos facendo dende o primeiro momento, gobernar: con transparencia, responsabilidade, máximo rigor e sempre mirando polo ben común, polo ben dos nosos veciños e veciñas”.

A rexedora destacou que en de tres meses “implantamos unha nova organización interna do Goberno e a Administración que permitirá un funcionamento eficaz os vindeiros catro anos; implantamos medidas de transparencia e participación, como saben, as nosas máximas; estamos desenvolvendo un novo regulamento da ORA, moderno e adaptado á realidade da nosa cidade; convocamos axudas en materia social por 190.000 euros; adxudicamos obras de mellora en rúas e estradas por valor de case 2 millóns de euros; puxemos en marcha un plan especial de limpeza intensiva da cidade; e organizamos as festas do San Froilán para que, un ano máis, sexan un escaparate inigualable da nosa cidade: do noso patrimonio histórico, cultural, natural e gastronómico”.

Audio

Máis info

  • Información sobre o desconto no recibo do lixo |Descargar

Noticias relacionadas