O Concello descarta a Noso Capital para xestionar a Estratexia Lugo Transforma por non acreditar solvencia económica suficiente

A Mesa de Contratación do proceso optou por excluíla hoxe do procedemento por non demostrar coa súa traxectoria empresarial a necesaria garantía financeira

Un dos requisitos que esixen os pregos é que a xestora invista un mínimo de 1 millón de euros nos doce primeiros meses desde a constitución do fondo

A outra empresa concorrente, Torsa Capital, dispón agora dun prazo de 15 días para aportar a documentación que probe a súa solvencia económica para asumir o contrato

A alcaldesa amósase convencida de que, cando se poña en marcha “este fondo emprendedor municipal será unha ferramenta poderosa para diversificar o tecido produtivo e crear emprego na cidade”.

Xoves, 01 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello descarta a Noso Capital para xestionar a Estratexia Lugo Transforma por non acreditar solvencia económica suficiente

O Concello de Lugo vén de excluír, esta mañá, en Mesa de Contratación á empresa Noso Capital - unha das dúas firmas que concorreron ao proceso - como xestora da Estratexia Lugo Transforma por non acreditar suficientemente a súa solvencia económica.

A iniciativa pioneira, impulsada por Lara Méndez, pretende atraer investimento a través dun fondo municipal dotado con 12 millóns de euros, e propiciar a implantación e consolidación, nun prazo de 5 anos, de pequenas e medianas empresas con alto impacto social e ambiental, xerando á súa vez emprego de calidade.

Un obxectivo para o que resultaba necesario demostrar unha traxectoria empresarial estable e continuada que tamén, economicamente, sexa garante dos intereses locais que se promoven.

Pese a que Noso Capital foi preseleccionada por axustarse aos criterios recollidos nos pregos, na segunda fase do concurso público non conseguiu probar que dispón dos recursos necesarios para asumir a intermediación financeira deste fondo de capital de risco, xa que un dos requirimentos era acreditar a disposición, en peche do exercicio 2019, dun patrimonio neto en balance superior aos 125.000 €.

Outra das esixencias era investir un mínimo de 1 millón de euros nos doce primeiros meses dende a súa constitución.

Trala determinación adoptada hoxe pola Mesa de Contratación, ábrese un prazo de 15 días no que a outra firma concorrente, Torsa Capital, deberá presentar a documentación correspondente que avale a súa solvencia económica para resultar adxudicataria do proceso.

Na selección das ofertas presentadas, e segundo recollían as bases da licitación, valorouse a estratexia de investimento deseñada que debía recoller, entre outros parámetros, a identificación dos sectores empresariais e un análise de mercado obxectivo, así como as políticas previstas de captación de fondos privados e un estudo sobre o impacto socioeconómico do fondo en Lugo. Tamén foi avaliada a estrutura de organización, gobernanza, control e supervisión, externa e interna, por parte do intermediario financeiro, de xeito que se garanta a execución do contrato segundo criterios de transparencia, formalidade e consistencia.

Os prazos marcados polo Concello para desenvolver a estratexia será de dez anos, ata o 30 de xuño do 2031, que é a duración que establece para estes instrumentos financeiros o ‘mecanismo de coinversión’ do regulamento europeo segundo a realidade do mercado.

“A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo na etapa post-covid e, nada mellor que facelo dotándonos dunha ferramenta propia, moi poderosa, que diversificará o tecido produtivo local e servirá de impulso aos nosos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, indicou Lara Méndez.

Por iso, a xestora escollida deberá traballar en proxectos considerados innovadores e relacionados coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e sector espacial e aeronáutico, entre outros. Estas empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.

Méndez lembrou que o fondo emprendedor estará aberto á entrada de participación tanto pública como privada, aínda que, no caso do capital privado que se adhira, deberá facelo coa contía mínima dun millón de euros. Tamén a entidade xestora terá que aportar un mínimo de 120.000 euros compartindo así, con recursos propios, unha parte do risco garante.

O prego de condicións deste servizo de intermediación financeira terá un custo máximo para as arcas locais de 2,4 millóns de euros. Cantidade que o Concello irá abonando de xeito trimestral, previo informe da xestora e da fiscalización que realice a Intervención Xeral.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o "Lugo Transforma" | Descargar mp3

Noticias relacionadas