O concello de Lugo traballa en ampliar o servizo de madrugadores a todos os centros de ensino no vindeiro curso escolar

A concellería de Educación está a esperar desde novembro a cesión de espazos por parte da Xunta de Galiza

Felipe Rivas: “dende a concellería de educación traballamos para permitir a  conciliación nos centros públicos da cidade”

Mércores, 19 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O concello de Lugo traballa en ampliar o servizo de madrugadores a todos os centros de ensino no vindeiro curso escolar

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, deu conta dos avances que está a realizar o concello de cara a facilitar a conciliación ás familias con nenos e nenas matriculados en centros públicos da cidade. “Unha das medidas que queremos levar adiante é o servizo de madrugadores, que permitiría ás familias deixar ás súas fillas e fillos antes do inicio do horario lectivo, para evitar interferencias coas súas xornadas laborais”, indicou Felipe Rivas.

Felipe Rivas explicou que “o concello xa oferta este servizo en todos os centros nos que xestiona o comedor, e buscamos expandilo ao resto de centros públicos da cidade”. O edil de educación afirmou que “no mes de novembro, ao manter unha reunión coa delegada territorial de educación, atopamos por parte da xunta unha actitude favorábel a esta medida, máis aínda estamos agardando a que concedan as cesións de espazos que foron solicitadas polos centros”.  

“A cesión de espazos é o primeiro paso que temos que dar para pór en marcha este servizo”, indicou Felipe Rivas, que engadiu “dende o concello de Lugo estamos a apostar por dotar de servizos aos centros públicos, mais parece que a Xunta de Galiza non quere facelo, aínda tratándose só de ceder un espazo, algo que non tería custos para esta administración”.

Audio

  • O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, sobre o programa de conciliación | Descargar mp3

Noticias relacionadas