O concello de Lugo rende homenaxe ao párroco de Albeiros, Luis Soto Camino, poñendo o seu nome á actual rúa Xenebro

Lara Méndez, anunciou hoxe o acordo unánime da Corporación para atender esta demanda veciñal “e realizar un recoñecemento público a un home exemplar, en gratitude ao seu labor xeneroso e desinteresado durante máis de 50 anos”.

A alcaldesa avanzou tamén que Lugo dedicará unha praza na Piringalla ao Eixo Atlántico, respondendo á vontade da Asamblea de que todos os municipios integrantes inclúan no seu rueiro algunha vía con esta denominación.

Martes, 28 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O concello de Lugo rende homenaxe ao párroco de Albeiros, Luis Soto Camino, poñendo o seu nome á actual rúa Xenebro

O párroco Luis Soto Camino terá unha rúa propia en Albeiros. A Corporación Municipal aprobará, a proposta da alcaldesa, Lara Méndez, o cambio de nomenclatura da actual rúa Xenebro, situada ao carón da igrexa, polo do eclesiástico falecido en xuño de 2014, dando resposta así a unha demanda cidadá.

A propia rexedora foi quen anunciou hoxe o acordo, adoptado na Xunta de Portavoces previa á celebración do Pleno ordinario correspondente a este mes, e que acadou a unanimidade dos grupos, respectando a vontade popular trasladada pola veciñanza non só deste barrio lucense senón de todo o municipio.

“Trátase de poñer en valor a figura de Soto Camino, quen exerceu como sacerdote en San Lorenzo de Albeiros durante máis de 50 anos. Unha persoa considerada e apreciada polos seus veciños e fregueses e admirada en toda a cidade pola súa xenerosidade, e implicación especialmente coas persoas máis vulnerables”, recordou Lara Méndez.

A alcaldesa lucense explicou que “foi tal o número de sinaturas que se entregaron no Concello en prol desta causa que resulta imperativo atender a petición, dentro dos medios dos que pode facer uso unha cidade co obxectivo de amosar a súa gratitude en recoñecemento á traxectoria dun cidadá tan exemplar como foi don Luis”, subliñou Méndez.

A alcaldesa avanzou que na sesión plenaria de xuño tamén se aprobará pasar a chamar a praza da Piringalla na que se atopa a fonte das Lavandeiras como Praza do Eixo Atlántico, respectando o acordo unánime da Asamblea desta entidade de que todos os municipios integrantes na mesma conten, dentro do seu rueiro, cun espazo que teña esta denominación. Coincidirá coa celebración, en 2023, da capitalidade Lugo como centro cultural da Eurorrexión.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o homenaxe coa Rúa Luis Soto Camino ó párroco, do mesmo nome | Descargar mp3

Noticias relacionadas