A maior parte son por non facer uso da máscara, por xuntarse persoas non conviventes cando non podían e as relacionadas coas medidas de peche perimetral e por botellón
A alcaldesa insta á cidadanía a que respecte os protocolos sanitarios nestas datas de Nadal e a que non baixe a garda xa que “conter a pandemia é responsabilidade de todos”

O Concello de Lugo remitiralle á Xunta de Galicia un informe onde recolle 558 actas levantadas pola Policía Local ata o 8 de decembro por infraccións relacionadas co incumprimento das restricións establecidas polo Goberno galego desde que este tomou o mando o 12 de xuño.
Destas actas, as máis numerosas foron as 273 por non facer uso da máscara sen manter a distancia de seguridade interpersoal; 62 por xuntarse persoas non conviventes cando non estaba permitido; 61 actas por incumprimento de circulación desde as 23:00 horas ás 6:00 horas e 58 por saír ou entrar ao termo municipal de Lugo sen xustificación.
Ademais, a Policía Local levantou 7 actas por superar o aforo establecido en locais hostaleiros, 2 por permitir fumar no seu interior, o que atenta contra a Lei do Tabaquismo, 2 por consumir no interior de establecementos de hostalería e 2 actas por servir no interior. Tamén fixaron 4 sancións a persoas por circular pola vía pública dando positivo nas probas de coronavirus.
No dispositivo especial que a Policia Local levou a cabo co fin de controlar o cumprimento da normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, especialmente naquelas zonas onde os locais de lecer nocturnos xeran máis molestias aos veciños, levantáronse 19 actas, e neste período tamén se levantaron 31 actas de sanción por celebrar botellón.
Así mesmo, foron outras 19 actas por fumar sen manter a distancia de seguridade interpersoal e 18 por celebrar eventos familiares no interior de domicilios particulares.
O Concello está preparando un dispositivo para proceder ao cobro das infraccións, a pesar de considerar que non entra dentro das súas competencias xa que a sanitaria lle corresponde á Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, remitiu, unha vez máis, unha mensaxe á veciñanza lucense para que extreme as medidas sanitarias para protexerse e protexer aos demais, “e máis cando se achegan festas tan sinaladas como o Nadal e Reis”. Pediu un exercicio de responsabilidade á cidadanía e que non se baixe a garda xa que é “responsabilidade de todos superar esta crise provocada pola Covid-19 é só a responsabilidade individual permitirá un éxito colectivo”.