O Concello de Lugo recibirá en FITUR o galardón Tourism Women Friendly pola visibilización das mulleres castrexas no Arde Lvcvs

Este recoñecemento premia o traballo do Goberno de Lara Méndez conxuntamente coas asociacións para poñer en valor o papel das mulleres na historia da cidade.

A alcaldesa afirmou que “é unha honra recibir este premio, pois significa que o Arde Lvcvs segue a crecer, tendo cada vez máis visibilidade fóra das nosas fronteiras”.

A entrega do galardón terá lugar o venres, 21 de xaneiro, ás 12:00 horas en IFEMA.

Martes, 18 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recibirá en FITUR o galardón Tourism Women Friendly pola visibilización das mulleres castrexas no Arde Lvcvs

O Concello de Lugo recibirá na Feira Internacional de Turismo, FITUR 2022, que se celebrará en Madrid do 19 ao 23 deste mes, o galardón Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE), pola visibilización das castrexas no Arde Lvcvs e o protagonismo das mulleres nesta festa de recreación histórica. Trátase da terceira edición destes premios cuxo obxectivo é estimular os produtos relacionados coas mulleres e o turismo, facilitarlles e mellorar a súa vida nas viaxes, así como darlles visibilidade.

O xurado, reunido no día de onte, valorou, por unha banda, o papel que as castrexas tiveron hai 2.000 anos na defensa pacífica da súa terra dominada entón polos romanos e, por outro, na época actual, o protagonismo das mulleres na celebración da recreación histórica Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións.

Neste senso, a rexedora destacou que “é unha honra recibir este galardón, pois significa que o Arde Lvcvs segue a crecer, tendo cada vez máis visibilidade fóra das nosas fronteiras, e o fai, ademais, contribuíndo a poñer en valor e dar a coñecer o papel das mulleres na historia da nosa cidade”.

O Concello recibirá este premio dentro da categoría “Destino”, na que participaron numerosas cidades, pobos, localidades, festas e roteiros que teñen un trazo distintivo cara ás mulleres. A outra categoría á que se pode optar é a de “Experiencia”, na que participan aloxamentos (hoteis, apartamentos, cámpings, etc.), axencias de viaxes, restaurantes, transportes, e outras actividades que contribúan a facilitar a vida das mulleres nas viaxes.

Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE) é unha organización que promove a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Neste 2022 convocou a terceira edición dos Premios Tourism Women Friendly, nas suas dúas categorías, uns galardóns únicos no seu xénero en España. Ambos premios serán entregados o vindeiro venres, 21 de xaneiro, ás 12:00 horas, no stand 7A27, do pavillón 7 de IFEMA.

Noticias relacionadas