O Concello de Lugo prohibirá a instalación de soportes publicitarios en zonas de especial protección

Mércores, 18 de decembro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

 O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, facilitoulle hoxe o texto á oposición municipal para que fagan aportacións antes de comezar a tramitación da Ordenanza


As empresas terán seis meses para adaptarse a nova normativa cando entre en vigor
O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou esta mañá que o Goberno local remitiu hoxe ós dous grupos políticos da oposición municipal o texto do borrador da Ordenanza de instalacións publicidade exterior. 
“É unha ordenanza necesaria e esperada”, salientou Luis Álvarez e tamén remarcou o Concelleiro que “con ela o que se pretende é preservar a imaxe da nosa cidade no ámbito da publicidade, de xeito que o que se plasma neste texto é un modelo de cidade”. 
Álvarez explicou que o texto facilitouse, coma sempre, á oposición municipal “por anticipado antes de comezar a tramitación da Ordenanza, para que teñan tempo de estudala e poidan facer as súas aportacións”. Neste sentido, Álvarez explicou que “tamén se lles comunicou que tralas festas de Nadal se iniciarán as reunións para que fagan as súas aportacións a este texto”.
Tocante ó contido do borrador desta Ordenanza de publicidade exterior, o Concelleiro explicou que contempla toda a tipoloxía de soportes publicitarios existente e tamén establece catro tipos de zonas no Concello en función do cal se poderá ou non instalar este tipo de publidade.
O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente explicou que “unha das zonas refírese exclusivamente, o que resalta a importancia que lle dá o Concello a eses lugares, ó ámbito Pepri, ó entorno dos edificios que están catalogados de interese cultural, a zona Peprim (que protección do río Miño) e o Camiño de Santiago e todas as súas áreas de protección”. 
“Nesa zona prohíbese expresamente a colocación de carteleiras, valados, monolitos e monopostes publicitarios, o que amosa a sensibilidade do Goberno municipal por estos entornos que son merecedores de protección especial”, destacou Luis Álvarez.
As restantes zonas que distingue esta proposta de Ordenanza de publicidade exterior refírense ó solo rústico e de núcleo rural, o solo urbano consolidado e, por último, a que afecta ó solo urbano non consolidado e solo urbanizable.
Ademais, Luis Álvarez salientou que o borrador contempla unha novidade destacada, a obriga de que cada  instalación publicitaria deberá dispor dunha placa identificativa na que figure o nome da empresa e da licenza correspondente.
No texto tamén se contempla o réxime para a obtención de licenza, do réxime sancionador e para a retirada inmediata por parte do Concello das instalacións que non se adecúen a esta norma.
Dase, ademais, un prazo de seis meses para que as empresas se adapten a ela a partir da súa entrada en vigor e, no caso de que non o fagan, o Concello retirará os soportes publicitarios e pasaralle a factura á empresa propietaria da instalación.
Asimesmo, Luis Álvarez anunciou que no borrador da Ordenanza crease unha Comisión técnica que terá o cometido de decidir sobre as posibles exencións ou casos especiais que se poidan dar na aplicación da nova normativa de publicidade exterior.
Xunta de Goberno
O Concelleiro de Urbanismo deu conta da proposta de Ordenanza de publicidade exterior na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local na que, entre outros asuntos, acordouse a revisión dos prezos dos aparcamentos soterrados que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2014. As tarifas subirán dacordo co IPC, un 0,3%.
O Goberno local tamén aprobou a licenza de obras para a instalación dunha plataforma salvaescaleiras no vestíbulo do IES Lucus Augusti.
Acordou asimesmo incoar o expedente da garantía definitiva por un importe de 755 euros a empresa contratada para a instalación do alumeado das rúas durante as festas do San Froilán por incumprimento no número de arcos instalado.
A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases para cubrir a xefatura de servizo de Contratación, atrimonio e fomento entre funcionarios de carreira do grupo A, subgrupo A1, técnico de administración xeral do Concello de Lugo.

Multimedia

Noticias relacionadas