O Concello de Lugo investirá máis de 200.000 euros en mellorar a accesibilidade de 18 rúas da cidade

Mércores, 27 de maio de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Equipo de Goberno, José Rábade, anunciou que a Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou a contratación das obras de accesibilidade na cidade, fase V, aprobouse o proxecto e o prego de cláusulas administrativas particulares, así como o gasto e a adxudicación por procedemento negociado. Estas obras contan cun orzamento de 212.239 euros e un prazo máximo de execución de 5 meses.

As rúas que inclúe esta V fase son: Avenida da Coruña (dúas fases), Rúa Milagrosa, Curros Enriquez, Illas Cíes, Río Narla, Alexandre Bóveda, Monte Faro, Rúa do Franco, Viana do Castelo, San Isidro Labrador, Laverca, Rúa das Fontes, Mar Cantábrico, Santo Grial, Ángelo Colocci, Gallego Tato, Lavandeira e Reiseñor.

Como lembrou o Concelleiro, as obras de accesibilidade no viario do Concello de Lugo comezaron no ano 2003, e dende aquela xa se puxeron en marcha IV fases. Fíxose mediante un Convenio de colaboración subscrito entre o Concello, o Imserso e a Fundación ONCE.

A supresión de barreiras concrétase na posta en marcha das seguintes actuacións:

  • Instalación ou reforma de vados peonís nas súas diferentes tipoloxías.
  • Eliminación nas beirarrúas de obstáculos de pequena e gran entidade.
  • Protección de alcorques.
  • Eliminación de descontinuidade no pavimento en zonas peonís.
  • Instalación de barandillas accesibles
  • Ensanchamento de beirarrúas.
  • Sinalización de pasos de peóns.
  • Creación de aparcadoiros reservados a persoas con discapacidade.

Nas catro primeiras fases actuouse en preto de 60 rúas da cidade e investíronse 1.105.055 euros.

Os proxectos de accesibilidade tamén se centraron na instalación de Semáforos sonoros e ampliación de prazas para persoas con discapacidade.

Todas estas obras fixeron que a cidade de Lugo obtivese o Premio Reina Sofía de Accesibilidade no ano 2006 e o premio Millenium século XX-XXI.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases técnicas que rexerán no concurso público para o outorgamento de autorizacións ou licenzas de instalación de postos de atraccións nas festas do San Froilán 2009, 2010 e 2011.

O Concelleiro explicou que co obxecto de coordinar e regulamentar os diferentes aspectos que deberán terse en conta na organización do Feiral de San Froilán 2009, elaboráronse as bases de adxudicación de atraccións, mesas de venta, etc., así como as súas normas de funcionamento, técnicas e de índole sanitario, prezos de saída e planos de distribución. Estas bases foron aprobadas pola Comisión Especial de Festas celebrada o pasado 7 de maio.

A ubicación do feiral será na mesma zona que anos anteriores: fondo da praza Maior, Rodríguez Mourelo, Praza de Avilés, Puro Cora, Pascual Veiga, Doutor García Portela, Paseo de Vila de Foz, baixada das costas do Parque, bancal intermedio do parque e segundo nivel e accesos do Pavillón Municipal dos Deportes.

Multimedia

Noticias relacionadas