O Concello de Lugo instalará o sistema de información de circulación en 21 paradas de bus da cidade

Mércores, 03 de febreiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Concello de Lugo aprobou esta mañá a apertura do procedemento de adxudicación da contratación da subministración e instalación dun sistema de axuda á explotación do transporte público urbano de Lugo. Este proxecto, tal e como indicaron o Voceiro do equipo de Goberno, José Rábade, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, inclúese na financiación do proxecto europeo Urban.

Como explicou o Voceiro, “esta actuación está deseñada para ser implantada en primeiro lugar na zona do centro histórico como unha medida máis de apoio ao transporte público na contorna da Muralla e á mobilidade da cidade”. O estudo de Mobilidade prevé a total ou case total (os traballos aínda non están finalizados e está pendente a fase de consulta cidadá final) eliminación dos autobuses dentro da zona amurallada polo que o servizo a todas as persoas do interior de murallas farase nas paradas da Rolda ou no inicio das rúas adxacentes cando non hai dificultades para parar na propia Rolda. “É este, por tanto, un momento clave para reforzar a calidade deste servizo o cal se prevé levar a cabo a través da información da circulación nas paradas”, indicou.

O proxecto redactado inclúe:

-A instalación dun posto de control e sistema de comunicacións cunha capacidade moi superior á que agora se instala (para controlar ata 500 autobuses e 200 postos de información).

-A instalación do sistema de información en 11 paradas (9 delas para servizo de centro histórico en todas as paradas situadas xunto ás portas da Muralla).

-A instalación do sistema en 20 autobuses que circulan polas 10 liñas que se propoñen no Estudo de mobilidade.

Os obxectivos que se perseguen:

1.- Calidade do servizo: Regularidade e puntualidade no servizo, coñecemento en tempo real por parte do usuario do funcionamento, tanto no interior do autobús, como nas principais paradas.

2.- Mellora da xestión da rede: Control da explotación, optimización de recursos, información do servizo, e planificación do servizo.

As paradas nas que se implanta o sistema SAE serán as seguintes :

1- Rolda Muralla (nº 25)
2- Rolda Muralla (nº 58, á altura de Sindicatos)
3- Rolda Muralla (nº 70, á altura do edificio Multiusos da Xunta)
4- Rolda Muralla (nº 118)
5- Rolda Muralla (nº 140, á altura do Fogar de Santa María)
6- Rolda Muralla (nº 163-164)
7- Praza de Anxo López Pérez (diante da Policía Local)
8- Avda. Coruña 2
9- Avda Carballo Calero (Veterinaria)
10- Avda Coruña, 131
11-Montero Ríos nº 2

Esta actuación conta cun prazo de execución de 8 meses e un orzamento de 376.063,73 €.

A Concelleira de Economía indicou que con esta proposta incluída no plan Urban, se pretende dinamizar o comercio e a hostalería, atraer o turismo e mellorar a habitabilidade aos veciños de toda a cidade.

Méndez explicou que todos os proxectos do Plan estanse a desenvolver cunha gran eficiencia. “Estase a redactar o proxecto de peonalización de San Marcos, do vello Cárcere, da plaza do Cantiño e de Santa María”.

Segundo indicaron os Concelleiros esta actuación complementarase coa instalación, con cargo ao Fondo Estatal do 2010, de 10 paradas que rexistren o maior número de viaxeiros paneis informativos das liñas e intervalos de tempo da chegada dos buses, cunha contía de 100.000 euros.

Multimedia

Noticias relacionadas