O Concello de Lugo executa a sentenza do 010 e avanza na redacción dos novos pregos para garantir a prestación do servizo

A Xunta de Goberno aproba hoxe prescindir das 4 teleoperadoras tras valorar os informes técnicos que advirten das repercusións que tería para a xestión municipal a súa incorporación, non contemplada na RPT.

A concelleira de Persoal enxalzou a “valía e compromiso das 4 traballadoras”, e destacou que “entre o que se quere facer, a continuidade da traballadoras, e o que podemos facer como Administración debe imperar sempre a garantía xurídica e o interese xeral”.

O Concello licitará proximamente o servizo. Asumilo con medios propios suporía unha tardanza mínima dun ano e medio, un investimento inicial de 550.000 euros e un incremento do custo do servizo nos anos vindeiros dun 166%.

Mércores, 30 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo executa a sentenza do 010 e avanza na redacción dos novos pregos para garantir a prestación do servizo

O Concello de Lugo vén de celebrar esta mañá unha Xunta de Goberno Extraordinaria para abordar a situación das traballadoras do 010 co obxectivo de executar a sentenza, xa firme, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia este mes e que recoñece o seu dereito a ser admitidas como persoal laboral indefinido da Administración local.

Deste xeito, o Executivo acordou a súa incorporación, acatando así o ditame mais, a continuación, procedeu a aprobar o seu posterior despido, seguindo as pautas recomendadas por diferentes informes técnicos, en prol de garantir que o servizo de atención telefónica poida prestarse axeitadamente á cidadanía.

A tenenta de Alcaldesa e responsable de Recursos Humanos, Paula Alvarellos, quixo, en primeiro lugar, “agradecer e enxalzar o labor desenvolvido por estas catro empregadas, comprometidas co seu cometido e o valor da excelente función que viñan desempeñando como interlocutoras da Institución coa cidadanía de Lugo”. Pero sostivo que, “na decisión entre o que se quere facer, a continuidade destas traballadores, e o que podemos facer como Administración debe imperar sempre a garantía xurídica, os valores da función pública e o interese xeral”.

A edil explicou a argumentación na que foi substentada a decisión, en tanto “incorporar nestes momentos a estas catro persoas, sen praza contemplada na Relación de Postos de Traballo, as mantería sen funcións,  xa que non é posible adscribilas a postos vacantes porque non existen postos de teleoperadoras semellantes que estean baleiros”.

“Habería que artellar, por tanto, unha modificación da RPT e asignar os seus postos a outros departamentos, mantendo a súa función como teleoperadoras, e mentres habería que descontar a partida de 85.000 euros á que ascenden conxuntamente os seus salarios da consignada para prestar o servizo de atención telefónica, cuxo orzamento anual é de 93.000 €, o que minguaría, e case impediría, a funcionalidade do 010”, referiu a concelleira.

Alvarellos Fondo asegurou, así mesmo, que o Concello está a avanzar na preparación dos pregos dun novo procedemento para sacar a licitación o 010 despois de analizar os custos que suporía asumilo con recursos propios.

“Falamos de que o primeiro ano habería que investir preto de 550.000 euros, 320.000 en equipamento tecnolóxico, que ademais habería que ir modernizando cada certo tempo, para o que non temos capacidade, e o resto, nos salarios das 10 persoas que se necesitarían para dar un servizo en óptimas condicións, de luns a sábado, como o actual”, sostivo. Durante os anos seguintes, só os custos salariais e de mantemento das plataformas implicarían un gasto de 250.000 € anuais fronte aos 93.954 € actuais, o que supón case un 166% máis.

“Compre engadir a necesidade de incorporar, tamén a través da RPT, as outras 6 prazas restantes (a maiores das 4 que recoñece a sentenza do TSXG), descontándoas do total das 22 previstas na OEP deste ano, para o que tamén sería preciso contar co beneplácito da Mesa Xeral de Negociación. O desenvolvemento desta Oferta Pública tardaría un mínimo de ano e medio en executarse, o que significaría non poder poñer en marcha o 010 até ese momento.

“Se trata, por tanto, de condicionantes temporais e económicos e non podemos esquecer tampouco o momento no que estamos, en plena recuperación dunha pandemia e inmersos nunha situación bélica que aínda que nos poida resultar distante tampouco nos é allea”, subliñou a tenente de alcaldesa.

Alvarellos Fondo aludiu ás restricións que as leis estatais impoñen aínda aos Concellos en materia de incorporación de efectivos e que “nos obrigan a fundamentar cada unha das contratacións que levamos a cabo. Porque non podemos engadir unhas a outras, senón que temos que substituílas”.

“Xestionar con responsabilidade significa establecer unha escala de prioridades que, neste intre, e debido á situación económica e social que provocou a Covid e ao escenario internacional, pasa por focalizar os esforzos municipais en tres liñas de actuación: o impulso á economía local, a xestión dos Fondos Europeos a través dos que chegarán importantes axudas en materia de vivenda e eficiencia enerxética, e a atención a Emerxencia Social. De maneira que debemos fornecer áreas como Urbanismo e as vinculadas cos Servizos Sociais e a dinamización económica que nos permitan, nun caso, avanzar na tramitación dilixente das liñas de subvencións que se habiliten e, no outro, ter a suficiente capacidade para dar cobertura aos colectivos máis vulnerables cuxa situación se viu agravada pola crise sanitaria”, sostivo a concelleira.

“Motivos de suficiente peso como para orientar a incorporación inmediata de efectivos a aqueles departamentos que se vén saturados por ese exceso de carga de traballo e que supeditan outro tipo de contratacións”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

  • A edil de Recursos Humanos, Paula Alvarellos, sobre a sentenza do 010 | Descargar mp3

Noticias relacionadas