O Concello de Lugo esparciu 85.000 quilos de sal en catro días de temporal de neve

Luns, 11 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, ante as fortes nevadas producidas desde o pasado 7 de xaneiro, intensificou as medidas necesarias para previr as posibles molestias á cidadanía lucense e garantir a súa seguridade. Así, puxo en marcha un dispositivo especial por mor do temporal.

Tanto os voluntarios de Protección Civil como a Policía Local, bombeiros e o persoal do servizo municipal de limpeza traballaron a reo para normalizar a situación.

Desde a tarde do xoves 7 de xaneiro procedeuse a esparcir sal na calzada das vías urbanas e noutras específicas da zona rural, chegando a esparcir 85.000 quilos de sal ata a madrugada do luns 11 de xaneiro.

O equipo de Protección Civil do Concello colaborou en todo momento cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para liberar diferentes vías da cidade como a entrada da A-6 en Nadela.

Ao longo do venres día 8 os servizos municipais intensificaron o seu traballo utilizando a cuchilla para eliminar as capas de xeo nas rúas e esparcindo sal. Os traballos prioritarios centráronse nos accesos aos centros sanitarios, mercados, pasarelas e esparcindo sal 4 ou 5 veces ao día. Tamén se insistiu nos puntos máis conflitivos da cidade como: Avenida de Madrid, Alfonso X, a contorna de Augas Férreas e zona da Estación, Avenida Infanta Elena, rotondas do Ceao e contorna das Gándaras. Na zona rural actuouse nas vías municipais de Teixeiro, Báscuas e Orbazai, entre outras.

En total participaron preto de 50 voluntarios de Protección Civil en turnos para cubrir as 24 horas. Percorreron uns 1.600 quilómetros con catro vehículos esparcindo 22.000 quilos de Sal.

Pola súa banda, o Servizo Municipal de Limpeza esparciu 63.000 quilos de sal nas diferentes rúas da cidade con camións brigada, furgóns, furgonetas, motocarros e satélites. O persoal de limpeza viaria de barrido manual e dous motocarros estiveron a quitar a neve das beirarrúas máis sombrías, de pasos de peóns, inmediacións de centros públicos, médicos e hospitais.

A Policía Local recibiu un total de 123 chamadas entre o 7 e o 10 de xaneiro por mor do temporal de neve e rexistraron 11 accidentes leves por causa do xeo. Os bombeiros levaron a cabo dúas actuacións por mor da neve caída das cornisas á vía pública.

Noticias relacionadas