A unidade desprazada está formada por 16 efectivos, con vehículos de extinción e transporte, así como equipamento completo para incendios forestais.
O dispositivo estrutúrase en quendas de 4-5 bombeiros por día, garantindo a presenza dun mando en cada grupo para reforzar a coordinación no posto de mando de Quiroga.
A concelleira Ana González Abelleira subliñou que “o compromiso e profesionalidade do corpo de bombeiros de Lugo é unha mostra máis da solidariedade da nosa cidade cando Galicia máis o precisa”.

O Concello de Lugo enviou hoxe un destacamento especial do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento para colaborar nas tarefas de extinción dos incendios forestais que afectan a Galicia. A unidade, que se despraza ao posto de mando avanzado en Quiroga, está formada por un total de 16 efectivos entre bombeiros e mandos.
O operativo estrutúrase en quendas de 4 ou 5 profesionais cada día, cun mando responsable en cada grupo. O desprazamento inclúe un vehículo de extinción, outro de transporte de persoal e materiais, así como o equipamento completo de intervención en incendios forestais, co obxectivo de garantir autonomía e capacidade de resposta inmediata sobre o terreo.
A concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, acompañou ao equipo antes da súa saída e puxo en valor “a entrega e capacidade de resposta dos bombeiros lucenses, que unha vez máis amosan a súa vocación de servizo público e a súa solidariedade con quen está a sufrir as consecuencias dos lumes”. Engadiu que “a cidadanía de Lugo pode sentirse orgullosa de contar cun servizo preparado e comprometido, que responde con eficacia tanto dentro como fóra da nosa cidade”.
O edil de Xuventude, Urbanismo e Deportes, Jorge Bustos, tamén estivo presente na saída do destacamento e agradeceu o esforzo dos profesionais, lembrando que “a coordinación entre administracións é clave nestes momentos críticos e o Concello de Lugo está sempre disposto a arrimar o ombreiro”.
O despregamento dos bombeiros de Lugo en Quiroga responde a unha chamada de colaboración co resto de corpos de emerxencia galegos, no marco dunha emerxencia que require sumar forzas para conter os focos máis virulentos. Deste xeito, Lugo súmase de novo á rede de solidariedade e cooperación entre concellos que permite reforzar a loita contra os lumes e ofrecer máis seguridade ás persoas afectadas.
Audio
- Oscar Freire, sobre a colaborar na extinción dos incendios en Galicia | Descargar mp3


