O Concello de Lugo destinará este ano 2’1 millóns de euros á dinamización da cidade a través do Plan Estratéxico de Subvencións

Máis do 28% da partida (618.000 €) corresponden ao apoio que dende a área de Benestar Social se prestará ao tecido asociativo e aos colectivos máis desfavorecidos.

A alcaldesa, Lara Méndez, destaca “a necesidade de seguir tendendo a man aos axentes do municipio para superar con éxito a etapa de recuperación económica”.

Igualmente, mantéñense as axudas ao deporte base, con máis de medio millón de euros, e á defensa do benestar animal a través dos convenios de colaboración coa Protectora e a Asociación Michos Lugo por importe de 215.000 €

Mércores, 19 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo destinará este ano 2’1 millóns de euros á dinamización da cidade a través do Plan Estratéxico de Subvencións

O Concello de Lugo destinará este exercicio un total de 2.165.961 euros á dinamizar a cidade a través do Plan Estratéxico de Subvencións.

Un documento que, segundo a alcaldesa, Lara Méndez, representa a razón de ser do conxunto da actividade subvencional do Concello e que, fundamentalmente, persegue servir de guía para mellorar e racionalizar a tramitación das achegas con criterios de transversalidade, eficacia e eficiencia.

“Dende a chegada da pandemia levamos sumando esforzos para arroupar ao sectores produtivos do municipio, coa finalidade de manter os postos de traballo e a estabilidade salarial das familias, pero tamén para tecer, xa dende ese momento, unha rede que nos permita superar e saír fornecidos desta etapa de recuperación económica que estamos a atravesar e na que a Administración local volve tender, un ano máis, a súa man para que ninguén se quede atrás”, sinalou a rexedora.

Así, máis do 28% - case un terzo - da partida prevista se corresponde co apoio que dende a área de Benestar Social se prestará ao movemento asociativo e aos colectivos máis desfavorecidos.

“En total, 618.000 euros que irán dirixidos atender outro dos eixes vertebrais do Concello como é brindar axuda ás entidades locais para que poidan continuar desenvolvendo o seu labor, solidario e sempre complementario das prestacións municipais, co fin de ampliar así o alcance das nosas políticas”, afirmou Lara Méndez.

O Plan, validado esta mañá en Xunta de Goberno, ten como vocación ser unha ferramenta indispensable para fomentar, promover e potenciar a participación da sociedade civil nos distintos ámbitos de xestión que son de interese xeral. “E que, dende que entrou en vigor está a servir tamén para darlle maior axilidade á xestión e pago das axudas”, engadiu a rexedora.

A alcaldesa explicou que ao seu abeiro se inclúen, entre outras, as subvencións dirixidas a fomentar a práctica do deporte base (321.000 €) e a contribuír á defensa do benestar animal que, como nos últimos anos, alcanzan os 215.000 € e se canalizan a través dos convenios que o Concello mantén coa Protectora de Animais e a Asociación Michos Lugo.

Este exercicio cómpre incluír, así mesmo, a Fase XVI das subvencións en réxime de concorrencia para a rehabilitación do Casco Histórico de Lugo que se xestionarán dende Evislusa e disporán dunha partida de 430.061 € para favorecer a rexeneración do recinto amurallado da capital. Pola súa banda Cultura e Turismo contarán con 146.800 € e Participación Cidadá de 67.000 €.

Noticias relacionadas