O Concello de Lugo creará unha bolsa de emprego para 42 categorías profesionais co fin de axilizar a provisión de postos de traballo

A área de Gobernanza promoveu hoxe a súa aprobación, en Xunta de Goberno, coa previsión de que as listas poidan estar operativas no mes de outubro

As persoas interesadas poderán presentar a súa inscrición trala publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia

Esta medida súmase a outras xa impulsadas polo executivo de Lara Méndez, como a entrada en vigor dunha nova RPT e a convocatoria da OPE 2020, coas que se persegue efectivizar os recursos municipais en materia de persoal

A rexedora cualificouna como “unha nova oportunidade laboral á que convidamos a apuntarse a toda a cidadanía en canto se abra o prazo de solicitude”

Mércores, 15 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo creará unha bolsa de emprego para 42 categorías profesionais co fin de axilizar a provisión de postos de traballo

O Concello de Lugo contará cunha bolsa de emprego para 42 categorías profesionais co fin de crear listas de substitución naqueles departamentos nos que se vén detectando unha demanda frecuente de profesionais que permitan garantir a continuidade da actividade que se desenvolve nestas áreas, sen que se vexan afectadas por circunstancias como as baixas laborais, a chegada de períodos vacacionais ou o incremento puntual das tarefas que teñen asignadas.

O acordo, que hoxe foi validado en Xunta de Goberno, supón, segundo a rexedora, Lara Méndez, “outro paso máis para mellorar a atención que a administración local presta á cidadanía, posibilitando ademais a axilización do seu funcionamento interno ao propiciar, con celeridade, a provisión dos postos traballo que, tendo as características que se demandan, se poidan necesitar nun momento dado”.

Así, convocarase para a constitución destas listas de traballo a Técnicos/as de Administración Xeral; Técnicos/as medio de Administración Xeral; Administrativos/as; Auxiliares Administrativos/as; Ordenanzas; Celador/a CEIP; Oficial Condutor/a; Oficial Condutor/a Maquinista Padexeiro/a; Oficial Conductor/a Mecánico/a; Monitor/a Educación Vial; Arquitecto/a; Arquitecto/a Técnico/a; Delineante; Enxeñeiro/a de Montes; Enxeñeiro/a Industrial; Enxeñeiro/a de Camiños Canles e Portos; Enxeñeiro/a Técnico/a Agrícola; Enxeñeiro/a Técnico/a Industrial; Enxeñeiro/a Técnico/a de Obras Públicas; Mestre/a Electricista; Oficial Electricista; Oficial Albanel; Operario/a de Obras; Traballador/a Social; Educador/a Social; Animador/a Sociocultural; Oficial Cociñeiro/a; Axudante de Cociña e Limpeza; Traballador/a de Familia / Auxiliar de Fogar; Técnico/a Educación Infantil; Auxiliar de Biblioteca; Músico a (especialidades de frauta, clarinete, saxofón, fagote, trompa, trompeta, trombón, bombardino – tuba, piano, gaita e percusión); Celador/a Deportes; Oficial Lector/a; Oficial Fontaneiro/a; Operario/a Rede de Augas; Oficial Maquinista Fontaneiro/a; Analista Programador/a; Técnico/a Especialista TIC; Oficial Sepultureiro/a; Operario/a Cemiterio; Oficial Vixiante Recadador/a.

A medida obedece, xunto a outras xa adoptadas recentemente polo executivo entre as que se atopan a entrada en vigor dunha nova RPT e a convocatoria da OPE 2020, “ao compromiso adquirido coa veciñanza non só de modernizar a administración dentro desta segunda gran transformación que estamos levando a cabo no concello, senón tamén de rendibilizar os recursos en materia de persoal para así incrementar a eficiencia e eficacia dos servizos municipais”, subliñou a alcaldesa.

As persoas interesadas en inscribirse nestas listaxes poderán presentar a súa instancia nos seguintes dez días hábiles trala publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, adxuntando, asemade, a documentación que acredite que reúne os requisitos propios da categoría, grupo, escala ou especialidade á que optan. O lugar de presentación das solicitudes será no Rexistro Xeral do Concello e as sucesivas comunicacións relativas ao proceso terán difusión no Taboleiro de Anuncios e a páxina web do Concello de Lugo www.concellodelugo.gal.

Unha vez pechado o prazo de admisión a Comisión de Selección terá en conta, á hora de valorar as candidaturas, aspectos como a experiencia profesional, a titulación, formación ou a superación de probas selectivas noutras convocatorias públicas así como ser demandante de emprego e o coñecemento da lingua galega. Trala baremación das e dos aspirantes e a configuración das listas – proceso que tamén comprende un período para a subsanación de posibles erros e resolución de alegacións sobre os resultados provisionais – terá lugar a súa aprobación definitiva nun prazo de 5 días hábiles de maneira que se prevé que xa comecen a estar operativas na primeira quincena do mes de outubro.

“A súa vocación é permanente, xa que queremos que se constitúa como un recurso ordinario máis para garantir o bo funcionamento da institución, e se someterá a unha revisión anual co fin de actualizar os datos das persoas inscritas, incorporar solicitudes ou engadir outros perfís”, concluíu a rexedora ao tempo que a cualificou como unha nova oportunidade laboral “á que convidamos a apuntarse a toda a cidadanía en canto se abra o prazo”.

Por outra banda, na sesión celebrada polo equipo de goberno esta semana tamén foi aprobada a proposta de adxudicación dos 23 postos de traballo por Comisión de Servizos ou Adscrición Provisional anteriormente convocados e que comezarán a ter efecto dende o próximo 1 de agosto durante o prazo dun ano, prorrogable por outro.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a bolsa de traballo | Descargar mp3

Noticias relacionadas