A edil Paula Alvarellos sinala que a área de Gobernanza traballa xa no procedemento baseado na entrega de novos abonos para as seguintes anualidades ou tempadas ou ben na prórroga da validez dos xa emitidos

O goberno de Lara Méndez recorrerá á vía da compensación para resarcir a aqueles veciños e e veciñas que adquiriron abonos temporais para servizos municipais que agora permanecen pechados pola crise sanitaria.
A edil Paula Alvarellos, avanzaba hoxe que “dende a área de Gobernanza, somos conscientes de que este asunto estaba a xerar certa preocupación entre a cidadanía que a principios de ano se subscribiu a determinadas actividades deportivas, de ocio e mesmo culturais que, nestes momentos, non se están a impartir ou ás que o seu acceso quedou prohibido por mor do confinamento decretado”.
Así, a concelleira referiu o exemplo daquelas persoas que pagaron a cota anual, trimestral ou mensual para as piscinas municipais e, porén, dende o pasado 14 de marzo, non poden facer uso delas.
“O que queremos é trasladarlles unha mensaxe de tranquilidade. Realizarase unha compensación do gasto que fixeron con novos abonos para as seguintes anualidades ou temporadas, ou ben prorrogarase a validez dos xa emitidos segundo o caso”, adiantou Alvarellos.
A responsable de Gobernanza, indicou que á maior brevidade posible o Concello artellará o procedemento a seguir do que se dará conta ás e aos interesados. “De calquera forma, transmitirlles que non perderon eses cartos, que as restricións impostas obedecen a unha situación excepcional que - agardamos – remate moi pronto e que, unha vez recobrada a normalidade, a intención do executivo local é que todos estes usuarios e usuarias poidan dispoñer, de novo, das instalacións municipais e dos servizos que se prestaban nelas sen que isto lles supoña un prexuízo económico”.
Paula Alvarellos concluíu sinalando que toda vez se teñan articulados os mecanismos para proceder a estas compensacións ou á prórroga da validez dos abonos, se dará conta á poboación das indicacións e dos pasos que deben realizar para poder solicitar as mesmas.
Audio
- A edil Paula Alvarellos, sobre a compensación de abonos | Descargar mp3