O Concello de Lugo avanza na renovación do colector de saneamento na rúa Chantada, unha obra que estará rematada nos vindeiros días

A renovación inclúe a substitución do colector antigo por unha tubaxe de PVC de 315 mm, xunto coa instalación de novos pozos, sumidoiros e acometidas para mellorar a capacidade e a seguridade da rede.

Os traballos avanzan xa na súa fase final e permitirán resolver definitivamente os problemas de atascos, filtracións e retornos de auga detectados entre os números 42 e 46 da rúa Chantada.

“Sempre dicimos que hai obras que non se ven, pero que se notan: melloran o servizo, evitan incidencias e reforzan a infraestrutura que sostén o día a día dos barrios”, destacou o alcalde, Miguel Fernández.

Xoves, 11 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo avanza na renovación do colector de saneamento na rúa Chantada, unha obra que estará rematada nos vindeiros días

O Concello de Lugo está a ultimar a renovación dun tramo do colector de saneamento na rúa Chantada, entre os números 42 e 46 e ata a intersección con Xermán Alonso, unha zona na que se rexistraban problemas de atascos, acumulación de sedimentos e incidencias durante episodios de choiva intensa. Trátase dunha intervención que dará solución definitiva ás deficiencias detectadas na rede e que permitirá mellorar a capacidade de evacuación das augas.

A actuación supón a substitución do antigo colector de formigón por unha nova tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, máis estanca e máis eficiente, ademais da execución de novos pozos de rexistro, sumidoiros e acometidas domiciliarias. O colector existente presentaba unha deterioración notable e dificultaba o correcto funcionamento da rede, o que obrigaba a intervencións de mantemento periódicas.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou que esta obra “forma parte do compromiso do Goberno local cun Lugo que se coida desde o subsolo, renovando redes que teñen décadas de uso e que precisaban unha intervención para garantir un servizo estable e seguro”. Engadiu que “estas melloras non só previrán novas incidencias, senón que permiten reducir custos de mantemento e aumentar a eficiencia do sistema”.

Os traballos inclúen tamén a reposición integral da beirarrúa ao longo do tramo afectado, dado que a apertura da zanxa obriga a repoñer o pavimento en todo o seu ancho. A nova plataforma peonil executarase con acabado acorde ao existente, garantindo accesibilidade e continuidade no tránsito peonil.

A obra, cun investimento municipal de 35.850 euros, encóntrase xa nos últimos labores de reposición do pavimento e na revisión final da canalización antes da súa posta en servizo.

Fernández concluíu subliñando que “seguiremos actuando barrio a barrio, modernizando infraestruturas básicas que non sempre son visibles, pero que sosteñen o funcionamento da cidade e melloran a calidade de vida da xente”.

Multimedia

  • O Concello de Lugo avanza na renovación do colector de saneamento na rúa Chantada, unha obra que estará rematada nos vindeiros días

Noticias relacionadas